A Xunta achegará 741.000 euros ao Grove para paliar os danos dos temporais de primeiros de ano

O proxecto técnico establece un relatorio de intervencións directas sobre o medio mariño orientadas a recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros
conselleira-do-mar-mariscadoras-o-grove
3 Jul 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe coa patroa maior da Confraría de Pescadores de O Grove, Mª Carmen Besada, o convenio de colaboración destinado a paliar os danos causados polos temporais de principios de ano. Este acordo destaca por ser o de maior alcance xeográfico dos 18 aprobados en Galicia, estendéndose por unha superficie que supera os 3,5 millóns de metros cadrados. O investimento total para estas actuacións ascende a 751.371,65 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

O proxecto técnico establece un relatorio de intervencións directas sobre o medio mariño orientadas a recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros. Entre as principais accións acordadas atópase o acondicionamento e remoción do substrato —combinando métodos manuais e mecánicos segundo as características do areal—, así coma a limpeza e retirada de restos orgánicos e inorgánicos, tales coma o lixo mariño e as arribazóns de algas acumuladas nas praias. Do mesmo xeito, executaranse plans de control de depredadores e de especies exóticas invasoras, coordinando labores a pé e campañas de mergullo para frear o impacto de caracois de mar e crustáceos sobre os bivalvos.

A folla de ruta complétase con rareos e traslados de moluscos desde os bancos complementarios cara aos estratos principais, uns movementos de recurso que tamén se realizarán cara a zonas máis baixas do intermareal para previr de forma activa o furtivismo. Así mesmo, investiranse fondos en sementeiras para o preengorde de xuvenís en parques de cultivo acoutados, o que garantirá o reforzo das poboacións naturais e a sustentabilidade da actividade a longo prazo.

0.30556321144104