A Xunta acometerá a modernización de infraestruturas e equipamentos das lonxas e portos pesqueiros

O importe concedido medra un 6,11 % respecto ao ano anterior, o que demostra que o sector aposta por investimentos de maior envergadura económica e calidade técnica
lonxa-burela-visita-escolar-(4)
21 Jul 2026

O Consello da Xunta tomou coñecemento dun informe da Consellería do Mar sobre a concesión da convocatoria de 2026 das axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora das infraestruturas e os equipamentos dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros. Esta orde, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), consolida o apoio estratéxico do Executivo galego cunha inxección que dá continuidade aos máis de 18,6 millóns de euros investidos nestas mesmas liñas durante o período 2022-2025.

Nesta anualidade, un total de 59 solicitudes resultaron resoltas favorablemente por un importe global de 6.872.487,64 euros. Desta contía, 4.795.785,99 euros executaranse ao longo do presente exercicio de 2026, e os 2.076.701,65 euros restantes corresponden á anualidade de 2027. O orzamento concedido medrou desde os case 6,5 millóns de euros da pasada edición, confirmando a robustez e ambición dos proxectos aprobados.

As iniciativas subvencionadas encádranse en cinco grandes obxectivos operativos enfocados a avanzar cara á neutralidade climática e a mellora da competitividade do complexo mar-industria de Galicia. No ámbito da eficiencia enerxética e a protección ambiental, as axudas financiarán a instalación de sistemas de iluminación led con controis de acendido, a optimización técnica en instalacións de frío —como motores, compresores ou condensadores— e o desenvolvemento de enerxías renovables para autoconsumo eléctrico ou térmico mediante fontes fotovoltaicas, eólicas, de biomasa, aerotermia ou solar térmica, ademais de contedores homologados para lixos.

Do mesmo xeito, as achegas incidirán na mellora da seguridade e das condicións de traballo coa adquisición de guindastres para varada, carros automotores semisumerxibles, carros varadoiro e equipos de movemento de cargas, así como cámaras independentes para a almacenaxe de cebo. Finalmente, as actuacións abranguen a modernización de equipos para garantir a calidade, control e rastrexabilidade dos produtos da pesca —a través de sistemas de limpeza, pesaxe, clasificación e mesas de exposición— e o reforzo da resiliencia das infraestruturas fronte aos posibles efectos do cambio climático mediante obras de illamento, melloras en tellados, cubertas ou carpintarías, e reformas estruturais en pantaláns.

A Consellería do Mar salientou que estas axudas financian o 100 % do investimento elixible das entidades sen ánimo de lucro (confrarías, cooperativas, redeiras ou asociacións profesionais). O sector valorou moi positivamente a histórica medida autorizada pelo Consello de eximir as entidades da entrega de avais ou garantías para dispoñer do adianto integral da contía, o que supón un aforro directo ao non requirirse a subscrición de pólizas ou liñas de crédito bancarias para a execución material das obras.

0.3221549987793