A Xunta activa o protocolo ao detectarse un caso de sarampelo nun home de 40 anos

O risco para a poboación xeral é moi baixo, xa que Galicia mantén elevadas coberturas de vacinación infantil fronte ao, superando o 95 %
sarampelo
31 Jul 2026

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, activou o protocolo de vixilancia e control do sarampelo, logo da notificación dun caso desta enfermidade. Trátase dun varón de 40 anos que evoluciona favorablemente e se atopa en bo estado xeral.

A investigación epidemiolóxica apunta a que se trata dun caso importado, compatible cos antecedentes de viaxe fóra de Galicia, aínda que non é posible determinar con certeza o lugar no que se produciu o contaxio.

A sospeita de caso foi notificada ao Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia o día 23 deste mes de xullo, data na que se activou de forma inmediata o protocolo establecido para esta enfermidade.

A confirmación do caso foi realizada polo Centro Nacional de Microbioloxía o día 28.

As actuacións realizadas desde o 23 de xullo inclúen a investigación epidemiolóxica do caso, a identificación e valoración dos contactos, a implantación das medidas de prevención e control que corresponden en cada situación e a coordinación cos servizos asistenciais e de saúde pública implicados.

O risco para a poboación xeral é moi baixo. Galicia mantén elevadas coberturas de vacinación infantil fronte ao sarampelo, máis do 95 %, e dispón dun sistema de vixilancia epidemiolóxica que permite detectar precozmente os casos e actuar con rapidez para limitar a posible transmisión.

Ata o momento non se detectaron casos secundarios asociados a este episodio, aínda que a investigación epidemiolóxica e o seguimento dos contactos continúan en marcha.

A Consellería de Sanidade lembra que o sarampelo é unha enfermidade moi contaxiosa que se prevé de forma moi eficaz mediante a vacinación. A vacina fronte ao sarampelo, incluída no calendario sistemático de vacinación, é a principal medida de protección individual e colectiva.

O sarampelo produce habitualmente febre, unha erupción cutánea con manchas vermellas ou rosadas que adoita comezar pola cara e un dos seguintes síntomas: tose, rinite ou conxuntivite.

Se algunha persoa presenta síntomas compatibles, as principais recomendacións son utilizar unha máscara cirúrxica e contactar co 061 para recibir instrucións personalizadas sobre como proceder para recibir atención sanitaria e evitar contaxiar a enfermidade.

Ademais, se unha persoa considera que pode estar contaxiada, deberá ser valorada clinicamente para indicarlle as principais medidas a tomar, e que inclúen a revisión do estado vacinal e a vacinación, se procede, e prestar atención á aparición de síntomas durante os días posteriores á posible exposición.

0.27020382881165