A Xunta activará o Platerga e reforzará o transporte público por estrada co gallo da eclipse do 12 de agosto

Habilitaranse conexións especiais de autobús desde Vigo cara á Coruña e Ferrol e tamén se reforzan as liñas entre Lugo e Ribadeo e entre Ribadeo e Foz con servizos especiais pola tarde e regresos nocturnos
eclipse-total-de-sol-recurso
23 Jul 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, avanzou hoxe actuacións relacionadas coa observación da eclipse do próximo 12 de agosto no que se refire ao reforzo da mobilidade, no marco do traballo que leva facendo desde comezos de ano a comisión interdepartamental da Xunta integrada por representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade, así como da Axencia Turismo de Galicia.

Diego Calvo anunciou que a Xunta habilitará servizos especiais de transporte por estrada para facilitar os desprazamentos cara ás zonas con mellores condicións de observación e ofrecer unha alternativa ao vehículo privado, o que redunda ademais nunha redución da presión sobre a rede viaria.

En concreto, prevense conexións especiais no eixo Atlántico que vaian desde a estación intermodal de Vigo cara as estacións de autobuses de Ferrol e A Coruña, así como servizos desde a cidade de Lugo a Ribadeo, o concello onde a eclipse durará máis tempo, e tamén de Ribadeo ás praias de Foz.

Deste xeito, entre Vigo e Ferrol, habilitarase un servizo especial desde a cidade viguesa ás 12,35 horas con chegada prevista á urbe ferrolá ás 15,30 horas. Este enlace contará con paradas tamén na estación de autobuses de Pontevedra, na intermodal de Santiago de Compostela, en Pontedeume, en Fene e, xa na cidade de Ferrol, na Avenida das Pías e no barrio do Pilar. Esta conexión engádese aos servizos regulares que xa conectan estas dúas cidades ao longo do día e que permiten chegar a Ferrol antes do comezo da eclipse. Estas saídas están programadas desde Vigo ás 07,35, 12,45 e 14,45 horas.

Canto aos servizos entre Vigo e A Coruña, habilitarase un reforzo desde a cidade viguesa ás 14,00 que chegará á urbe coruñesa ás 16,15 horas. Neste caso as paradas intermedias serán na estación de autobuses de Pontevedra, na estación intermodal de Santiago e na Avenida Alfonso Molina da Coruña. Entre estas dúas cidades do Eixo Atlántico manteranse os servizos regulares que comezan á 06,40 da mañá e continúan ás 08,45, 09,35, 10,45, 14,00 e 15,35 horas. Todos eles permitirán chegar á Coruña antes do horario previsto para o comezo da eclipse.

Nos dous traxectos, os servizos especiais de regreso realizaranse ás 23,00 horas, unha vez rematada a observación do fenómeno.

Pola súa banda, o reforzo de servizos na provincia de Lugo implica unha nova saída ás 17,00 horas na liña Lugo E.A. – Meira – Ribadeo E.A. Súmase así aos servizos regulares das 13,30 e das 15,30 horas. Como é habitual no traxecto desta ruta, faranse paradas nos concellos de Castro de Rei, Pol, Pastoriza, Meira, Riotorto, A Pontenova, San Tirso de Abres, Trabada e Vegadeo. O servizo de volta está previsto para as 22,30 horas desde a estación de autobuses de Ribadeo.

Dentro da propia Mariña lucense tamén se habilitarán servizos para ir desde Ribadeo ás praias de Foz. Deste xeito, engadirase unha nova saída desde a estación de autobuses ás 18,00 horas que complementa a oferta de servizos regulares dispoñibles que comezan ás 9,30 e que continúan ás 12,30, 13,45, 16,00 e 19,00 horas. Os novos servizos de retorno están programados para as 21,30 e as 22,00 horas.

Diego Calvo salientou que, co obxectivo de facilitar a planificación das viaxes, os billetes poranse á venda ao redor de dúas semanas antes do evento. A Xunta e as empresas operadoras informarán da apertura da venda a través das súas respectivas páxinas web.

Tamén se poderán mercar billetes o mesmo día da eclipse e utilizar a tarxeta de Mobilidade de Galicia para beneficiarse das bonificacións da Xunta (que integra as viaxes gratuítas para menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 coa tarifa +65). Estes billetes poderanse adquirir nas estacións de autobuses ata 2 horas antes da viaxe no caso do eixo atlántico e nos propios autobuses no caso de Lugo e da Mariña; en ambos casos ata esgotar as prazas dispoñibles.

Como explicou o conselleiro, Galicia é un lugar privilexiado para a observación da eclipse, polo que se prevé unha elevada afluencia de persoas á comunidade, o que require un labor de coordinación con outras administracións co obxectivo de facilitarlle á poboación unha observación segura da eclipse.

Activación do Platerga

Por iso, por outra parte, na semana anterior a eclipse prevese activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e, posteriormente, a constitución dun Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) na sede do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia na Estrada. Trátase dunha medida de carácter preventivo coa que se busca reforzar a coordinación entre os distintos organismos implicados e anticipar a resposta ante un evento para o que se prevén importantes desprazamentos e concentracións simultáneas de persoas en toda a comunidade.

Desde o Cecopi da Estrada realizarase o seguimento do fenómeno e compartirase información en tempo real entre os distintos organismos participantes para facilitar a adopción das medidas que sexan necesarias en cada momento. Por parte da Xunta estarán representados neste órgano Turismo de Galicia, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Axencia Galega de Emerxencias, a Dirección Xeral de Mobilidade, a Dirección Xeral de Defensa do Monte, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ou Gardacostas de Galicia. Tamén formarán parte representantes da Delegación do Goberno en Galicia, dos concellos e das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Cómpre lembrar que a Xunta activou a finais de abril unha web específica sobre a eclipse que funciona como unha xanela única a través da que a Xunta vai ofrecendo á cidadanía información sobre a eclipse. O espazo, aloxado na web corporativa da Xunta de Galicia, permite acceder a un mapa interactivo de Galicia no que se poden consultar os datos referidos á eclipse en cada concello de Galicia, desde as características do fenómeno en función do lugar de observación (se é total ou parcial), hora de inicio e de finalización, predición meteorolóxica con información de MeteoGalicia, etc. Ademais, ofrece consellos prácticos orientados á observación da eclipse en materia de saúde, seguridade, mobilidade ou protección do medio ambiente e dos espazos naturais protexidos.

0.30131602287292