A Xunta adxudica por máis de 212.000 euros a redacción do novo centro de saúde de Becerreá

A Xunta de Galicia vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia a adxudicación, por un importe de 212.792 euros, á empresa Alfonso Carlos Penela Fernández da redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección de obra do novo centro de saúde de Becerreá.
O Executivo galego prevé un investimento global superior aos 3,2 millóns de euros para a construción desta nova infraestrutura sanitaria, coa que se pretende mellorar e optimizar a atención sanitaria na localidade lucense de Becerreá.
O futuro centro de saúde contará cunha superficie construída que superará os 2.000 metros cadrados e incluirá, segundo o seu Plan Funcional, tres consultas de medicina, tres de enfermería, unha sala polivalente e diferentes espazos técnicos e de toma de mostras.
O equipamento sanitario incorporará ademais unha área de pediatría con consulta médica, consulta de enfermería e sala de dilatación, así como unha área de atención á muller con consulta de matrona e sala de educación para a saúde. Tamén se prevén novas dotacións como unha consulta de traballo social, outra de hixiene dental, unha sala de técnicas, outra polivalente e unha sala destinada á docencia.
O proxecto contempla igualmente unha modernización da área de radioloxía e a reorganización dos espazos administrativos e de xestión, co obxectivo de mellorar o funcionamento global do centro.
Así mesmo, reforzarase a capacidade de resposta do punto de atención continuada, que disporá dunha nova sala de observación, un box de críticos e novas consultas, incluíndo unha consulta de enfermería e dúas de medicina, unha máis das existentes na actualidade.
A construción deste novo centro de saúde enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por avanzar cara a unha sanidade pública máis moderna, próxima e accesible para toda a cidadanía.