A Xunta alerta da existencia de metais pesados nas augas de varios puntos de Vigo

A Xunta de Galicia notificou ao Concello de Vigo e a empresa Aqualia, responsable da concesión municipal do subministración de auga, os novos resultados das mostras recollidas o pasado 13 de outubro en varios puntos da rede da Zona de Abastecemento de Quintián-Vigo (contorna do IES Beade) por inspectores farmacéuticos de Saúde Pública, dependentes da Consellería de Sanidade, nas que se ratifica, tal e como sucedera en reiteradas ocasións nas anteriores probas, a presenza de metais pesados (chumbo, arsénico e ferro).
As mostras recollidas por Saúde Pública en catro puntos diferentes do exterior do recinto do centro educativo confirman que existe unha alta concentración en acometidas municipais desa zona. Con tal motivo, o Departamento Territorial da Consellería de Sanidade comunicou os resultados tanto ao Concello de Vigo como á empresa concesionaria FCC Aqualia e informándolles de que ”considérase que as reiteradas incidencias supoñen unha situación de risco para a saúde, que fai necesaria a restrición do consumo de auga na zona afectada pola contaminación”. Ante esta situación, a concesionaria deberá realizar unha proposta sobre o consumo de auga na zona no prazo de 24 horas.
Sanidade tamén solicita tanto unha “investigación exhaustiva que permita identificar a área afectada, como facer unha correcta avaliación do risco e tomas as medidas precisas para emendar os incumprimentos paramétricos da auga”. Neste caso, deberán comunicar ao Departamento Territorial de Sanidade as accións a realizar e a xustificación destas no prazo dunha semana.
Instalacións educativas de polietileno
Xa o pasado mes de febreiro, o director territorial de Educación, César Pérez Ares, acompañado da xefa da Unidade Técnica e da directiva do IES Beade, así como dun representante da empresa das subministracións, visitaron o IES Beade para comprobar o bo estado de instalacións e circuítos, dando constancia de que todas as tubaxes de consumo de auga son de polietileno (dende o contador da fachada ata o interior), polo que xa se demostraba que a presenza de chumbo procede das acometidas exteriores.