A Xunta alerta sobre a necesidade da prevención ante o mosquito tigre

Lémbrase que os lugares de cría son maioritariamente espazos privados, polo que cómpre evitar deixar expostas ao aire libre acumulacións de auga
mosquito-tigre
10 Jul 2026

A Consellería de Sanidade acolleu hoxe a primeira reunión do ano do comité técnico interdepartamental do mosquito tigre, na cal se abordou a relevancia de formar e informar a determinados colectivos e á cidadanía en xeral sobre medidas que preveñan a proliferación deste tipo de mosquito.

Na xuntanza, de forma presencial ou por videoconferencia, participaron representantes municipais, das Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Medio Rural, das áreas sanitarias de Vigo e da Coruña e Cee, dos Departamentos Territoriais de Sanidade de Pontevedra e da Coruña, da Subdelegación do Goberno de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra, da Dirección Territorial de Emerxencias de Pontevedra, así como o persoal entomólogo da Universidade de Vigo.

Ata o de agora, está confirmada a presenza do mosquito tigre en 13 concellos: Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Tui, Mos, Bueu, Ponteareas, Poio, Salvaterra de Miño e A Coruña.

Entre outros asuntos, trasladouse a importancia da colaboración e implicación da cidadanía no control do mosquito tigre, dado que os lugares de cría deste mosquito están, de forma maioritaria, en lugares privados.

É moi importante levar a cabo medidas de prevención como baleirar cada 3 ou 4 días lugares que poidan acumular auga como macetas ou bebedoiros de animais. Tamén cubrir balsas e piscinas con lonas cando non se usen, limpar desaugadoiros e zonas de drenaxe, así como evitar acumulacións de auga en charcos ou ocos de árbores tapándoos con terra.

Na actualidade, en Galicia están presentes especies de mosquitos capaces de transmitir enfermidades como a causada polo virus do Nilo Occidental (mosquitos do xénero Culex) ou o dengue, chikungunya e zika (mosquito tigre, Aedes albopictus).

Aínda que estas especies de mosquitos non están a transmitir estas enfermidades na comunidade por non estaren infectados polos microorganismos causantes, a súa vixilancia resulta fundamental para detectar de forma temperá calquera cambio na situación epidemiolóxica.

Toda a información sobre o mosquito tigre e as recomendacións de prevención pode consultarse na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública.

0.31158399581909