A Xunta amplía a idade de vacinación do papiloma humano en varóns ata os 25 anos

A pauta consistirá na administración dunha única dose, seguindo as recomendacións vixentes e simplificando o proceso de inmunización
papiloma-humano-homes
19 May 2026

O Consello da Xunta autorizou a ampliación do rango de idade na vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) en varóns, estendendo ata os 25 anos a posibilidade de protexerse fronte a este virus.

Co obxectivo de reducir a circulación do virus entre a poboación galega e así evitar as posibles lesións precancerosas que derivan da súa infección, o Executivo galego destinará unha partida de 982.827 euros para vacinar a arredor de 21.000 varóns nados entre os anos 2001 e 2003.

Deste xeito, desde o vindeiro 25 de maio a Dirección Xeral de Saúde Pública incorporará estas cohortes de idade no seu programa de vacinación. Así, o Calendario galego de inmunización ao longo de toda a vida incluirá a todos os varóns nados desde o ano 2001.

A pauta de vacinación para estas novas cohortes consistirá na administración dunha soa dose, seguindo as recomendacións vixentes e simplificando o proceso de inmunización.

O programa de vacinación fronte ao virus do papiloma humano ampliouse progresivamente nos últimos anos. A vacinación sistemática na poboación infantil feminina estableceuse en 2008.

No que atinxe á poboación masculina, implementouse no ano 2022 para todos os varóns aos 12 anos. En posteriores ampliacións foise estendendo a vacinación aos mozos de ata 18 anos, logo ata os de 21 e agora chega aos mozos de 25 anos.

O virus do papiloma humano (VPH) é a infección de transmisión sexual máis común a nivel mundial. A maioría das veces a infección resólvese soa, pero se permanece, é un colaborador imprescindible para o desenvolvemento de cancro de colo de útero, vulva, vaxina, ano, pene, orofarinxe e boca en homes ou mulleres.

O seu padecemento pode ocasionar discapacidade e diminución da calidade de vida, constituíndo un importante problema de saúde. Así mesmo, o VPH está implicado na xénese das verrugas xenitais que, se ben non son unha enfermidade grave, causan gran morbilidade e xeran un grande impacto sobre a asistencia sanitaria.

A ampliación da poboación diana masculina repercutirá directamente na saúde dos homes e mulleres galegas en canto a morbi-mortalidade vencellada a este virus e, ademais, terá beneficios indirectos na asistencia sanitaria, evitando consultas de atención primaria e/ou hospitalaria, ingresos e prescricións farmacolóxicas derivadas do padecemento destas patoloxías.

Con esta medida, a Consellería de Sanidade reafirma o seu compromiso coa calidade asistencial e a prevención, garantindo que as cohortes de maior idade que non foron incluídas inicialmente no calendario sistemático teñan acceso á máxima protección.

0.47162199020386