A Xunta ampliará o horario dos PAC aos sábados pola mañá e reforzará o persoal con 211 prazas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a aprobación dun decreto que amplía o horario dos Puntos de Atención Continuada (PAC) ás mañás dos sábados, co obxectivo de reforzar a continuidade asistencial na atención primaria.
Segundo explicou, os PAC pasarán a funcionar de luns a venres desde as 15:00 ata as 8:00 horas do día seguinte, mentres que os sábados, domingos e festivos ofrecerán atención as 24 horas.
Esta medida irá acompañada dun incremento de 211 prazas ata o ano 2028, das que 100 serán para persoal médico, 80 para enfermaría e 31 para persoal de xestión e servizos. A Xunta destinará a esta ampliación un investimento total de 10,3 millóns de euros.
Do total de novas prazas, 77 incorporaranse xa este ano, mentres que 69 se crearán en 2027 e outras 65 en 2028.
O decreto aprobado tamén recolle avances nas condicións laborais do persoal dos PAC, tras os acordos acadados cos sindicatos na Mesa Sectorial de Sanidade. Entre as medidas inclúese un programa de voluntariedade incentivada para a realización de gardas, que contempla melloras retributivas.
En concreto, o persoal médico verá incrementadas as retribucións por xornada complementaria nun 15,36 %, mentres que o persoal de enfermaría xa está a percibir un aumento do 22,62 % desde comezos de ano.
Ademais, recoñécese a noite do venres como prefestiva e consolídase a redución progresiva da xornada ordinaria.
O obxectivo desta reforma é dotar de seguridade xurídica á atención sanitaria dos sábados pola mañá, que xa se viña prestando na práctica como atención continuada, e garantir unha prestación asistencial en condicións óptimas no ámbito da atención primaria.