A Xunta anuncia 150 cursos de galego para estranxeiros a partir do próximo ano

A iniciativa encádrase nas contas desta área, que en 2027 chegarán a 14,5M€ para poñer en marcha as case 700 medidas do novo Plan xeral de normalización da lingua
conselleiro-cultura-jose-lopez-campos-valga-lingua
17 Oct 2026

A Xunta de Galicia aumentará o vindeiro ano o número de cursos de introdución á lingua e cultura galegas poñendo en marcha 150 novas propostas. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a Valga onde acompañou ao alumnado que participou xa nesta formación nunha andaina a prol do galego e onde precisou que o obxectivo desta segunda edición é “chegar ata as máis de 2.000 persoas nadas fóra da Comunidade”.

Tal e como precisou o representante do Goberno galego, esta iniciativa encádrase nas contas da área de Lingua previstas para o ano 2027, que chegarán a 14,5M€, cun incremento de 1,5M€ con respecto ao ano pasado, para poñer en marcha as preto de 700 medidas do no Plan xeral de normalización da lingua galega. Unha destas propostas é precisamente o aumento da formación para estranxeiros despois dunha primeira edición con 100 cursos e 1.500 participantes de ata 39 nacionalidades diferentes.

“Esta foi unha das primeiras medidas de acción inmediata para impulsar o prestixio do galego que agora decidimos aumentar para dar resposta á boa acollida e á gran demanda do programa”, afirmou. Así mesmo, engadiu que nesta nova edición volverase contar coa colaboración dos concellos, a través da Rede de Dinamización Lingüística, e con entidades como Cáritas e Cruz Vermella.

Por outra banda, López Campos puxo en valor que unha das principais liñas de acción do Plan estea centrada precisamente “nas persoas provenientes do exterior que viven no noso territorio, xa que é unha poboación que medra ano tras ano e que conta cun gran potencial para converterse en novos galegofalantes”. No caso concreto de Valga, puntualizou, o curso contou cunha vintena de participantes de ata oito países entre os que se atopa Brasil, A Arxentina, O Uruguai, Alemaña ou Os Estados Unidos de América.

Ademais destes cursos, López Campos tamén avanzou que, no eido empresarial, a Administración autonómica xa ten en marcha o decreto para regular o selo para recoñecer as empresas comprometidas coa lingua galega. Así, o conselleiro confirmou que a proposta está actualmente en fase de consultas previas a través do Portal de transparencia da Xunta, período que remata o vindeiro día 30 e que nos permitirá “continuar coa tramitación do decreto e abrir o proceso de consulta pública antes de que remate o ano”, detallou.

Trátase dun distintivo, que se desenvolverá tamén con cargo aos orzamentos de 2027 cunha achega de 150.000€, que “promove unha cultura empresarial comprometida coa lingua, dándolle visibilidade  e prestixio”, argumentou o conselleiro, ao tempo que debullou algúns dos incentivos de obter este certificado. Entre eles, figuran o dereito a empregar o selo nas súas comunicacións corporativas, materiais publicitarios, redes sociais ou envases de produtos; a inclusión nun directorio público de entidades responsables coa lingua; o acceso preferente a algunhas accións formativas, programas, encontros, xornadas e campañas, e a posibilidade de contar como mérito específico nalgunha convocatoria pública.

Ao respecto, o responsable autonómico de Lingua fixo fincapé en que “seguiremos criterios de valoración estritos para que o compromiso co galego das entidades sexa real”, facendo referencia a aspectos como o nome comercial, as indicacións e cartelería, a etiquetaxe, a comunicación externa e atención ao público, así como á comunicación interna a través de convocatorias, ferramentas de traballo ou manuais, e atendendo tamén á responsabilidade social empresarial coa participación en campañas.

Aproveitando a andaina, e tendo en conta que o deporte “é un dos ámbitos con maior capacidade de chegar á cidadanía e, especialmente á infancia e á mocidade”, o representante da Xunta avanzou que nas contas do vindeiro ano reservaranse 300.000€ Lingua para pór en marcha unha liña de axudas destinada a incrementar a presenza do galego entre as entidades deportivas.

Tal e como precisou López Campos, “a finalidade é que o galego sexa unha lingua habitual de comunicación, relación e participación no noso deporte”. Para iso, ao abeiro desta iniciativa a Xunta colaboraría con clubs, seccións deportivas doutras entidades, federacións, agrupacións deportivas ou outros colectivos deste ámbito legalmente recoñecidos que mostren o seu compromiso coa presenza pública da lingua, implicando aos seus participantes e familias, aos profesionais e aos referentes deportivos.

0.39885687828064