A Xunta anuncia que ampliará en 2 millóns de euros as axudas á compra de vivenda protexida

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanza que a Xunta aumentará en 2M€ as axudas para adquisición de vivenda protexida e en centros históricos, e pide á Cámara reclamar un Plan Estatal acorde coas necesidades de Galicia.
Allegue puxo en valor o traballo inxente que está a realizar a Xunta para facilitar o acceso dos galegos a un fogar. Remarcou que o II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030 está operativo desde o 1 de xaneiro e ao abeiro del xa están convocados todos os programas autonómicos, ata 10 convocatorias con fondos propios que suman ata 30M€.
Precisou que o Executivo autonómico xa concedeu axudas de Fogar vivo para rehabilitar vivendas baleiras para alugueiro; para reparar vivendas no rural; para mercar vivenda protexida; para compra en centro histórico; ou 41 avais para adquirir un fogar.
Contrapuxo este compromiso da Xunta coa liña de acción do Goberno central, cuxo “Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 chega tarde, pois tiña que estar vixente o 1 de xaneiro”. Lembrou que “se aprobou o 21 de abril e hoxe, 7 de xullo, nin Galicia nin ningunha comunidade dispón dos fondos”.
Lamentou que “este retraso poña en risco convocatorias como as axudas ao alugueiro, para comunidades de propietarios, rehabilitación ou promotores de vivenda protexida”. Concretou que “están bloqueados arredor de 80M€ que deberían estar ao servizo dos cidadáns”.
Concretou que “aínda onte entrou no Rexistro a resolución para transferir estas dotacións ás autonomías, polo que no mellor dos casos, as convocatorias vinculadas co plan realizaranse en pleno verán, pero piden que estean resoltas en decembro”. Ante esta situación, “criticou a incompetencia do Ministerio, que case ten como única responsabilidade desenvolver este plan”.
Reiterou que o “plan estatal conta cunha dotación insuficiente para Galicia, con 399M€ para 5 anos, dos que o Estado só aporta 239M€, o que supón unha achega estatal de arredor de 48M€ anuais, este ano 45,6M€. Resaltou que o Goberno galego quintuplica o seu esforzo financeiro e pola contra, a aportación estatal apenas se duplica. Instou ao Ministerio a proceder do mesmo xeito que a Xunta.
Sinalou que “cos fondos previstos e aplicando as condicións do Plan, apenas poderían financiarse arredor de 600 vivendas protexidas ao ano, cando en dous anos a Xunta xa ten en marcha 4.000 vivendas públicas e prevé impulsar outras 2.000 adicionais ata 2030”.
Un plan ideolóxico e sen consenso
Apuntou que este Plan tampouco conta con consenso coas autonomías e puntualizou que “non pode ser que quen achega o 40% dos fondos teña que limitarse a executar programas deseñados desde Madrid sen flexibilidade, sen adaptación territorial e sen ter en conta as políticas que están a funcionar en Galicia”. A este respecto, matizou que “remitín unha carta á ministra para reclamar un encontro para abordar fórmulas de financiación non só dentro senón tamén fóra do plan para as actuacións que promovemos”.
Cómpre lembrar que a Xunta propuxo ao Ministerio un Pacto Nacional pola Vivenda para xerar un marco consensuado e flexible, coordinar os recursos económicos, acadar medidas reais para facilitar o acceso á vivenda ou impulsar a rehabilitación. O Goberno galego tamén suxería a aplicación dun IVE superreducido do 4% para a adquisición de vivenda protexida, un acordo que agora foi aprobado no Parlamento, “coa sorprendente abstención de BNG e PSdeG”, e remitido á ministra de Vivenda.
Instou ao Goberno a “converter a política de vivenda nun verdadeiro obxectivo nacional”, en lugar dun “plan ideolóxico como o actual, que incluso condiciona a financiación a que as comunidades apliquen medidas como as zonas tensionadas, que non están a ser eficaces”.
Tamén se referiu a “experimentos do Goberno como Casa 47, con vivendas en alugueiro por enriba dos prezos de mercado libre, sen cualificación permanente que agora se exixe no Plan Estatal”.
A conselleira debullou que fronte a estas políticas do Goberno, a Xunta segue avanzando para acadar 10.000 as vivendas públicas en Galicia no horizonte 2030 e precisou que máis de 4.000 xa están en marcha. O Goberno galego mobilizar preto de 2.000M€ de investimento directo e contribuirá á creación e mantemento de 60.000 empregos.
O Executivo autonómico está a colaborar con concellos que ceden solo para edificar vivenda pública. Xa son 17 os municipios que procederon á cesión de parcelas: Teo, A Estrada, Lalín, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía, Carballo, Ames, Arteixo, Baiona, Sanxenxo, O Porriño, Narón, San Cibrao, Bueu e Santiago de Compostela.
A Xunta tamén ten en marcha 13 Proxectos de Interese Autonómico en 12 concellos no marco da Estratexia de Solo que permitirá desenvolvementos para 25.000 novas vivendas, das que 20.000 serán protexidas.
Ademais da construción de vivenda e o desenvolvemento de solo, a Xunta activou medidas para que máis familias accedan aos fogares públicos, elevando o IPREM ao 4 e 4,5 no caso das familias numerosas, e reservando o 30% da vivenda pública en réxime de compra-venda a persoas entre 36 e 45 anos con fillos. Ademais, elévase ata os 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais para a compra da primeira vivenda.
En definitiva, concluíu que este Plan non convence a quen constrúe, nin aos propietarios nin a quen busca unha vivenda e pediu á Cámara galega consenso para reclamar ao Estado un Plan acorde coas necesidades reais de Galicia.