A Xunta aproba o novo Plan de Seguridade Vial ata 2030

Recolle cinco grandes eixes estratéxicos e 52 accións para reducir o número de accidentes de tráfico na rede de estradas de titularidade autonómica
trafico-coches-recurso-1
23 Nov 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o novo Plan de Seguridade Viaria de Galicia Horizonte 2030, que prevé un investimento de case 850 millóns de euros. Isto supón máis que duplicar o orzamento reservado para mellorar a seguridade nas estradas autonómicas galegas, respecto do plan anterior que contou con 363 millóns para o período 2022-2025.

O obxectivo do novo Plan, tal e como indicou o presidente, “é seguir reducindo o número de accidentes de tráfico nas estradas galegas”.

É o resultado dun proceso no que participaron representantes das administracións públicas, das forzas e corpos de seguridade, de asociacións profesionais, de entidades do ámbito do transporte, de organizacións de usuarios, de profesionais e demais axentes que teñen relación con este ámbito. O documento contempla cinco liñas de actuación e un total de 52 accións.

O primeiro destes cinco grandes eixes pasa por lograr estradas cada vez máis seguras, sobre todo nos treitos interurbanos e travesías, e para acadalo ponse o acento en continuar coa mellora das infraestruturas. Entre outras accións que se propoñen están a identificación e xestión de Tramos de Concentración de Accidentes (TCA), a mellora da seguridade en interseccións, accesos e marxes das estradas ou accións de conservación na rede viaria ou medidas para reducir a sinistralidade con fauna.

Neste último caso, Rueda salientou que o novo Plan fará especial fincapé “nos tramos de alta concentración de accidentes nos que estiveron involucrados animais que invadiron a calzada” e, ademais, “vaise incrementar o valado perimetral” naquelas zonas onde sexa necesario “para impedir ou mitigar” que os animais cheguen á estrada.

O segundo eixo céntrase en reforzar “a seguridade dos usuarios vulnerables: peóns, ciclistas, motociclistas ou aqueles que se desprazan en patinetes ou monociclos eléctricos”. A construción de beirarrúas, carrís bici e sendas peonís, a mellora das paradas de autobús, así como a instalación de sistemas de protección de motoristas en barreiras de seguridade son algunhas das medidas contempladas neste caso.

A terceira gran liña de actuación do plan, tal e como indicou Rueda, avoga por mellorar a seguridade dos vehículos, así como en diminuír tanto a frecuencia como as consecuencias dos sinistros viarios derivados de condutas de risco, como o exceso de velocidade, o consumo de alcol ou drogas. Para iso, as accións previstas irán enfocadas á posta en valor da inspección técnica de vehículos, ademais de incluírse accións de control do transporte por estrada.

A cuarta liña fai fincapé en impulsar a educación e a formación viaria en todos os grupos da poboación, coa finalidade de promover unha cultura preventiva e incrementar a capacidade de cada persoa para desprazarse de forma segura, informada e responsable. Neste senso, as medidas inclúen cursos de condución segura para motoristas, accións formativas para traballadores do transporte público, xornadas técnicas sobre seguridade viaria no ámbito laboral ou campañas de concienciación dirixidas a pais e fillos, entre outras.

O quinto e último piar estratéxico aborda a necesidade de dar respostas rápidas e eficaces tras un sinistro, aumentando a eficacia dos servizos de emerxencia e garantindo o apoio sanitario, operativo e psicolóxico necesario para reducir as consecuencias do accidente. Contémplanse intervencións como a mellora dos equipos dos servizos de Protección Civil e de bombeiros, a elaboración de procedementos de actuación conxunta de primeiros intervenientes en sinistros ou a asistencia psicolóxica a vítimas e familiares, entre outras.

O Plan incorpora un modelo de gobernanza e seguimento que reforza a colaboración institucional, fomenta a participación dos axentes implicados e permite avaliar o seu cumprimento.

Así mesmo, o documento aprobado esta mañá no Consello alíñase cos obxectivos establecidos pola Estratexia de Seguridade Viaria 2030 da Dirección Xeral de Tráfico e as políticas europeas na materia, que fixan como meta para ese ano reducir á metade o número de persoas falecidas ou feridas graves como resultado dun accidente de tráfico.

0.45119786262512