A Xunta asina un concerto coas tres universidades galegas para apoiar a formación e a investigación sanitaria

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá un novo concerto único entre o Servizo Galego de Saúde e as tres universidades públicas de Galicia para a utilización das institucións sanitarias con finalidades docentes, asistenciais e de investigación. O Consello da Xunta deu esta mañá o seu visto e prace ao acordo no que o Executivo galego investirá “21,5 millóns de euros co obxectivo de blindar a excelencia da formación e a investigación sanitaria en Galicia”.
Con este novo modelo unificado, a Xunta substitúe os acordos anuais e individualizados que o Servizo Galego de Saúde asinaba coas universidades de Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo) e que se viñan prorrogando de forma sucesiva desde o ano 2001.
Cun orzamento estimado de 5,3 millóns de euros ao ano, Rueda indicou que “o acordo estenderase ata o ano 2030”, definindo dun xeito integral a colaboración entre as institucións sanitarias e educativas.
Neste senso, o concerto único regula o emprego dos hospitais e dos centros de saúde para a docencia universitaria, o desenvolvemento conxunto de proxectos de investigación, a vinculación directa das prazas asistenciais coas prazas docentes ou a ordenación do persoal implicado, en que se inclúe o profesorado asociado de Ciencias da Saúde.
Deste xeito, o novo marco común modernizará a colaboración entre institucións e tamén “dará cumprimento ao previsto no convenio asinado entre a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas no referido á descentralización do grao de Medicina”, indicou.
Neste novo concerto tamén se inclúen as achegas para o financiamento das prazas de profesores asociados en Ciencias da Saúde do Grao de Enxeñería Biomédica, por importe 279.982 euros, para os seus 4 anos de vixencia.
A Xunta ratifica a súa aposta pola innovación e a investigación sanitaria, ao tempo que garante a transferencia do coñecemento á práctica clínica e proxecta á comunidade galega como referente en formación sanitaria.