A Xunta avalía como Proxecto Industrial Estratéxico unha planta de incubación de ovos en Friol

A construción da planta enmárcase nun proxecto máis amplo que se pretende desenvolver na comunidade autónoma e que contempla un investimento total de 40 millóns de euros
consello-xunta-de-galicia
7 Jul 2026

O Consello da Xunta avaliou onte a declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) da construción dun centro industrial de incubación de ovos en Friol, promovido pola empresa Avícola de Galicia SAU (Avigal). A iniciativa prevé un investimento superior aos 28 millóns de euros e a creación de máis de trinta postos de traballo entre directos e indirectos, coa previsión de que entre en funcionamento ao longo do vindeiro ano.

As novas instalacións ocuparán unha superficie de 12.605 metros cadrados e estarán deseñadas para operar como unha planta piloto de alta tecnoloxía. O centro terá capacidade para producir máis de 62 millóns de pitos ao ano, o equivalente a arredor de 1,5 millóns de ovos semanais. Unha vez completado o proceso de incubación, os animais serán trasladados a outras instalacións para continuar coa cadea produtiva. O complexo contará tamén cunha estación depuradora de augas residuais.

Segundo destacou a Xunta, a planta incorporará avanzadas solucións tecnolóxicas en materia de dixitalización, automatización e bioseguridade. Entre elas figuran sistemas robotizados para a xestión de bandexas e vehículos autónomos destinados ao movemento interno de carros. Estas innovacións permitirán mellorar a eficiencia dos procesos produtivos e reforzar a capacidade tecnolóxica do sector avícola galego, ao tempo que favorecerán a adaptación ás novas esixencias de competitividade e sustentabilidade.

O proxecto integrará ademais o denominado modelo de bioseguridade 4.0, baseado en fluxos de traballo estritamente unidireccionais e nun sistema de presión positiva do aire que busca minimizar os riscos de contaminación cruzada e incrementar os estándares sanitarios da instalación.

Avigal, con sede en Campañó, en Pontevedra, forma parte do Grupo Vall Companys, considerado o principal grupo agroalimentario español. A empresa dedícase desde a década dos sesenta á explotación e comercialización de granxas agrícolas e gandeiras, centrando a súa actividade na crianza de pito de engorda e na xestión dun matadoiro avícola para a comercialización de produtos frescos e conxelados. Xunto co Grupo Sada, tamén pertencente a Vall Companys, coordina unha rede de 218 explotacións de engorda distribuídas por toda Galicia.

A construción da planta de Friol enmárcase nun proxecto máis amplo que Avigal pretende desenvolver na comunidade autónoma e que contempla un investimento total de 40 millóns de euros. O obxectivo é integrar a produción de ovo fértil e completar o ciclo produtivo dentro de Galicia, reforzando así a autonomía operativa da compañía.

De obter a declaración definitiva, esta iniciativa converteríase no décimo sétimo Proxecto Industrial Estratéxico activo da Xunta. En conxunto, os proxectos xa declarados mobilizan máis de 1.700 millóns de euros e prevén a creación de máis de 3.700 empregos. Entre eles figuran actuacións como a planta de hidróxeno verde de Arteixo, a factoría de biometano de Curtis, a nova planta de produtos do mar conxelados de Congalsa na Pobra do Caramiñal ou a ampliación da fábrica de Urovesa en Valga.

O proxecto de Friol está incluído no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, unha ferramenta coa que a Xunta busca facilitar a implantación e ampliación de iniciativas empresariais que contribúan á creación de riqueza e ao fortalecemento do tecido industrial galego.

0.31939196586609