A Xunta avanza na consolidación feminina en sectores tradicionalmente masculinizados a través de apoios e programas formativos

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na apertura da xornada Fomento da presenza de mulleres nas empresas técnicas, tecnolóxicas e outras áreas STEM. Medidas de selección e promoción, organizada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no marco do programa formativo do campus en materia de igualdade laboral impulsado por este departamento.
O obxectivo do evento —que se desenvolveu de maneira presencial e por streaming— foi fomentar a presenza das mulleres en áreas técnicas, tecnolóxicas e outras disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), analizando as causas da segregación ocupacional por xénero, así como as boas prácticas levadas a cabo por empresas a nivel nacional, propoñendo medidas para adoptar nos procesos de selección e de promoción profesional, incluíndo accións para a atracción e retención do talento feminino.
Pablo Fernández puxo en valor estas xornadas para dar visibilidade e analizar a situación actual das mulleres nestes sectores, tanto no ámbito educativo como profesional, debatendo sobre as medidas necesarias para combater as desigualdades e promover unha maior participación feminina. Neste sentido, destacou o compromiso do Goberno galego para combater estas fendas, lembrando que este ano o programa Galicia Emprega 2025 inclúe como novidade destinar 1,7 millóns de euros —na súa segunda edición— para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados.
Por outra parte, o secretario xeral fixo fincapé na necesidade de traballar na formación en igualdade laboral dende idades temperás, recalcando a iniciativa da Xunta Que non te líen, ti escolles, coa que se busca eliminar a baixa representación feminina nos sectores laborais masculinizados fomentando o espírito crítico do alumnado de 3º e 4º da ESO participante, acadando unha orientación profesional libre de estereotipos de xénero.