A Xunta compromete o seu apoio ao XXV Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo

A Xunta de Galicia colaborará co XXV Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo, unha iniciativa impulsada por estudantes das escolas de Enxeñería que se celebrará os días 24 e 25 de febreiro de 2026.
Foro Vigo
26 Oct 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este martes unha xuntanza co alumnado da Universidade de Vigo que organiza unha nova edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, no que a representante autonómica comprometeu o apoio e colaboración do Goberno galego.

O encontro serviu para coñecer de primeira man os preparativos da que será a 25ª edición do Foro, que se celebrará os días 24 e 25 de febreiro de 2026 no campus de Vigo. Este evento, xa consolidado como unha das principais citas de inserción laboral para o estudantado técnico, busca fortalecer os lazos entre a universidade e o tecido empresarial galego.

O Foro Tecnolóxico de Emprego é unha asociación sen ánimo de lucro conformada por alumnado das Escolas de Enxeñería de Telecomunicación, Enxeñería Industrial e Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo. Desde a súa creación, ten como obxectivo favorecer a empregabilidade e a creación de oportunidades profesionais para o estudantado destas titulacións.

Ana Ortiz destacou “a importancia de apoiar espazos como este, que impulsan o talento novo, promoven o contacto directo coas empresas e axudan a reter capital humano cualificado en Galicia”.

Con esta colaboración, a Xunta reforza o seu compromiso coas iniciativas que fomentan a innovación, o emprendemento e a transferencia de coñecemento entre o ámbito universitario e o sector produtivo.

⚙ Configurar cookies
0.37221598625183