A Xunta convoca as primeiras axudas específica para as vítimas de violencia sexual

Salienta que o obxectivo destas achegas, de ata 12.500 €, é “favorecer a recuperación integral destas mulleres e os seus fillos”
violencia-de-xenero
27 Jul 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello autorizou “a primeira convocatoria de axudas específicas para vítimas de violencia sexual”, que contarán cun orzamento de máis de dous millóns de euros.

“O obxectivo é favorecer a recuperación integral destas mulleres e os seus fillos e fillas”, indicou Rueda, quen precisou que esta achega -de ata 12.500 €- poderán solicitala "todas aquelas persoas que conten coa acreditación de vítima de violencia sexual”.

Esta nova convocatoria de achegas reforza o paquete de medidas que Galicia pon á disposición de todas as vítimas para contribuír a facilitar os procesos de recuperación. Neste sentido, Rueda lembrou que a Xunta conta cunha das maiores redes de recursos, como as casas de acollida, a prestación económica periódica ou a atención psicolóxica gratuíta e vén de aprobar “a primeira lei que regulará as novas formas de violencia de xénero como a violencia dixital en redes ou internet”

Coa posta en marcha desta nova liña de axudas, tal e como explicou o presidente, Galicia convértese nunha das primeiras autonomías do país en ofrecer unha achega específica para as vítimas de violencia sexual e os seus fillos e fillas. Deste xeito, a comunidade volve ser referente na loita contra a violencia de xénero e na protección das mulleres que sofren esta lacra ao ser “a terceira comunidade, tras País Vasco e Asturias" en ofrecer estas achegas, que “non substituirán outros recursos xa en marcha”.

0.49071192741394