A Xunta convoca unha nova edición dos premios de escrita dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

A convocatoria conta cunha dotación global de 26.000 euros e busca incentivar a creación literaria en galego no ámbito teatral, con especial atención ás obras dirixidas á mocidade.
Libros
29 Dec 2025

A Xunta de Galicia abriu o prazo de presentación de orixinais para as novas edicións dos premios de escrita dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde, convocados con periodicidade bienal a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.

A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia, conta cunha dotación global de 26.000 euros e ten como obxectivo incentivar a creación literaria en galego no ámbito teatral, ademais de contribuír á configuración dun amplo repertorio de obras dramáticas actuais para os escenarios.

Convócanse o XXVIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XIV Premio Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e o XVII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, tanto na modalidade infantil e xuvenil como para persoas adultas. As bases actualizan a denominación dalgúns galardóns para facer un chamamento específico ás pezas dirixidas á mocidade.

Xunto ás dotacións económicas —8.000 euros para o Premio Álvaro Cunqueiro e 6.000 euros para o Manuel María e para cada modalidade do Barriga Verde—, as bases prevén a posibilidade de edición das obras gañadoras nas coleccións de literatura dramática impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración con editoriais galegas, reservándose os dereitos de edición ou coedición durante dous anos.

Poderán concorrer persoas físicas maiores de idade con textos teatrais orixinais, inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados con anterioridade. As persoas gañadoras da pasada edición non poderán presentarse á mesma modalidade.

O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o 30 de abril de 2026. O fallo do xurado, composto por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico, farase público antes do 10 de decembro de 2026, atendendo á calidade literaria e dramática, á potencialidade escénica, ao coidado da lingua e á adecuación a cada premio.

⚙ Configurar cookies
0.26461410522461