A Xunta convocará antes de finais de ano tres liñas de axudas á rehabilitación de vivendas

A Xunta de Galicia convocará antes de finais de 2026 tres liñas de axudas destinadas á rehabilitación de edificios e vivendas, inmobles de titularidade municipal e infravivendas, cun investimento conxunto de 25,4 millóns de euros. O Consello da Xunta tomou razón das resolucións polas que se convocarán estas achegas, que buscan mellorar as condicións de seguridade, accesibilidade, habitabilidade e eficiencia enerxética dos inmobles.
A maior parte do orzamento, 23 millóns de euros, destinarase ás axudas dirixidas a comunidades de propietarios e particulares para financiar actuacións de rehabilitación en edificios residenciais e vivendas individuais, incluídas as unifamiliares. Estas subvencións enmárcanse no Plan de Vivenda 2026-2030 e prestarán especial atención á redución da demanda enerxética.
Esta liña de axudas contempla dúas modalidades de actuación. A primeira financiará intervencións de rehabilitación integral de edificios de vivendas ou vivendas unifamiliares. As actuacións destinadas a mellorar a seguridade poderán recibir ata 8.000 euros por vivenda, mentres que as intervencións para mellorar a habitabilidade, a sustentabilidade e a accesibilidade poderán acadar os 20.500 euros por vivenda, co límite do 80 % do custo da actuación nos casos de aforro enerxético superior ao 60 %.
A segunda modalidade estará dirixida á rehabilitación de vivendas particulares situadas en edificios. Neste caso, as axudas para mellorar a accesibilidade poderán chegar aos 18.000 euros por vivenda, co límite do 80 % do custo subvencionable. Pola súa banda, as actuacións destinadas a mellorar a habitabilidade e a sustentabilidade poderán recibir ata 7.500 euros por fogar, cun límite do 40 % do custo subvencionable.
As bases da convocatoria, que se publicarán antes de finais de 2026, permitirán que as persoas beneficiarias reciban pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados. Tamén poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe total da axuda.
2,1 millóns para rehabilitar vivendas municipais
Outra das liñas contará cun orzamento de 2,1 millóns de euros e estará dirixida aos concellos para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal destinados ao alugueiro a prezo regulado.
Poderán beneficiarse destas achegas os municipios de menos de 30.000 habitantes que dispoñan de vivendas da súa propiedade ou de inmobles susceptibles de transformarse en vivendas. Estas deberán cualificarse como vivendas protexidas de promoción pública con carácter permanente e destinarse ao alugueiro durante un prazo mínimo de 15 anos.
Esta cualificación e a obriga de destinalas ao alugueiro non serán esixibles nos concellos de menos de 10.000 habitantes cando as vivendas se destinen ao desenvolvemento de actuacións de impulso demográfico, incluídas as dirixidas a fixar ou ampliar a poboación residente.
As axudas poderán cubrir ata o 95 % do orzamento das obras, cun máximo de 65.000 euros por edificación ou vivenda rehabilitada. Esta contía poderá elevarse ata os 68.000 euros cando os inmobles estean situados nun ámbito histórico, no ámbito dos Camiños de Santiago, na Ribeira Sacra ou nunha Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico (Área Rexurbe).
370.000 euros para a rehabilitación de infravivendas
A terceira liña de actuación estará dotada con 370.000 euros e permitirá axudar aos concellos de menos de 10.000 habitantes a dotar de condicións de habitabilidade as infravivendas existentes nos seus termos municipais. As achegas poderán alcanzar os 15.000 euros por fogar e serán os propios concellos os encargados de solicitalas e executar as actuacións.
Neste caso, a subvención poderá cubrir ata o 95 % do custo das obras e permitirá financiar a reforma ou rehabilitación dos elementos exteriores, a mellora das condicións estruturais e de seguridade, a accesibilidade dos edificios e das vivendas e as actuacións necesarias para mellorar a habitabilidade.
Dentro destas últimas tamén se incluirán as obras destinadas a evitar a entrada do gas radon nos edificios ou a aplicación de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.