A Xunta creará o primeiro rexistro galego de persoas centenarias

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que a posta en marcha por parte da Xunta do Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, sitúa Galicia nunha posición de referencia para o estudo da lonxevidade, posibilitando coñecer mellor as claves deste fenómeno e afrontar os retos que presenta.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, participou na presentación do Rexistro Galego de Persoas Centenarias, proxecto pioneiro en España.
O conselleiro incidiu en que, preto de 1.800 persoas de cen ou máis anos viven na comunidade galega, o que supón ao redor do 12 % de toda a poboación centenaria de España, un dato que fala da realidade demográfica de Galicia e reflicte unha oportunidade única para aprender, investigar e avanzar.
Tamén puxo en valor Gómez Caamaño que Galicia presenta un dos mellores resultados no que a esperanza de vida se refire: 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, superando en ambos os casos a media estatal.
Tal e como explicou o conselleiro, o Regace, ademais de ser un rexistro de datos e unha ferramenta estatística, alíñase coa Estratexia galega de saúde 2030 da Xunta, que aposta por unha sanidade cada vez máis preventiva, personalizada e baseada no coñecemento.
O Regace proporcionará información epidemiolóxica e máis precisa relacionada coas persoas centenarias e identificará factores asociados ao envellecemento saudable para orientar mellor as actuacións preventivas, asistenciais e sociosanitarias.
Xunto ao anterior, contribuirá a que os profesionais sanitarios dispoñan de máis información para ofrecer unha atención centrada nas características e circunstancias das persoas centenarias.
Os datos que ofrecerá o Regace -proseguiu Gómez Caamaño- serán fundamentais para planificar mellor os servizos sanitarios, personalizar a atención e orientar a investigación sobre a lonxevidade.
O conselleiro rematou a súa intervención indicando que a Xunta publicará proximamente a orde que regulará o funcionamento do Regace.