A Xunta declara de difícil cobertura as prazas médicas de Urxencias do CHUO para favorecer a súa estabilidade

A modificación da lei permitirá convocar as vacantes por concurso de méritos e fará que o tempo traballado neste servizo puntúe o triplo nos futuros procesos selectivos
urxencias-chuo
15 Jul 2026

A Xunta de Galicia publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia a modificación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, pola que as prazas de persoal da categoría de médico de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) pasan a ser consideradas postos de difícil cobertura.

Coa entrada en vigor desta modificación, o Servizo Galego de Saúde poderá ofertar as vacantes mediante o sistema excepcional de concurso de méritos, valorando a experiencia profesional e a formación das persoas aspirantes sen necesidade de realizar a fase de oposición.

Tal e como avanzara o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante unha sesión do Parlamento de Galicia, o Sergas convocará antes de rematar este ano un concurso de méritos para cubrir de forma estable as prazas médicas do servizo de Urxencias do hospital ourensán.

A reforma introduce tamén unha medida específica para incentivar a incorporación de profesionais. Desde este xoves, cada mes traballado nas Urxencias do CHUO computará o triplo da puntuación que se estableza con carácter xeral nos futuros procesos selectivos e concursos de traslados.

Segundo explica a Xunta, esta decisión busca dar resposta á falta de persoal médico neste servizo, que conta cun cadro de 50 profesionais, dos que actualmente só están ocupadas 25 prazas.

Coa modificación normativa, as prazas de facultativo de Urxencias do CHUO equipáranse ás dos hospitais comarcais de Cee, O Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés, que xa tiñan a consideración de postos de difícil cobertura ao abeiro da lei aprobada en 2022.

O Goberno galego destaca que esta normativa permitiu cubrir desde a súa entrada en vigor un total de 521 prazas médicas, o que supón máis do 98 % das vacantes ofertadas, nun contexto marcado pola escaseza de especialistas en diferentes ámbitos do Sistema Nacional de Saúde.

A Xunta lembra tamén que este ano aprobou un paquete de medidas dirixidas ao persoal facultativo das urxencias hospitalarias das sete áreas sanitarias galegas para responder ás reivindicacións deste colectivo.

Entre as melloras inclúese un incremento de 2 euros por hora na retribución da xornada complementaria, con efectos retroactivos desde o 1 de abril de 2026, elevando o importe ata os 34,56 euros por hora. Ademais, en 2027 aplicarase un novo incremento de 3 euros por hora, situando esta retribución en 37,56 euros.

Segundo os datos facilitados pola Xunta, estas medidas supoñen unha mellora media de 3.560 euros anuais para cada médico de urxencias.

En materia de persoal, o Executivo galego sinala que o Servizo Galego de Saúde reforzou progresivamente estes servizos e indica que na actualidade os hospitais públicos galegos dispoñen de 149 prazas máis de médicos de urxencias que no ano 2024.

0.26765012741089