A Xunta desenvolverá solo no Ofimático de Vigo para construír 2.000 vivendas protexidas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou inicialmente o proxecto de interese autonómico (PIA) para habilitar solo residencial na zona do Ofimático, en Vigo, que permitirá construír arredor de 2.000 vivendas protexidas.
Segundo explicou, esta actuación enmárcase na Estratexia Galega de Solo Residencial, que pretende facilitar a construción de 20.000 vivendas protexidas e 5.000 de prezo libre por parte de promotores e cooperativistas.
O ámbito afectado é o SUB 405 Ofimático, cunha superficie de 21 hectáreas situadas no extremo sudoeste da parroquia de Santa Cristina de Lavadores, nunha das áreas de expansión da cidade.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que será “un novo barrio ben comunicado, con servizos, zonas verdes e de lecer”. A Xunta investirá 22 millóns de euros na urbanización deste espazo.
A ordenación prevé bloques residenciais abertos e pechados, con alturas graduadas entre 4 e 7 plantas, e de maneira excepcional algún edificio de maior altura. O proxecto inclúe tamén usos terciarios, como espazos comerciais, e unha residencia xuvenil na zona central.
Ademais, contemplaranse prazas de aparcadoiro, espazos libres de uso público, equipamentos comunitarios e a plantación ou conservación de arborado.
Estratexia de solo residencial
Rueda lembrou que a Xunta tramita actualmente doce proxectos de interese autonómico en once concellos galegos, entre eles dous en Vigo, así como na Coruña, Santiago, Arteixo, Ourense, Pontevedra, Lugo, O Porriño, Marín, Ribadeo e Vilagarcía.