A Xunta destina 1,5 millóns a reforzar a seguridade das praias e piscinas de 187 concellos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para facer balance da campaña de achegas da Xunta dirixidas aos concellos co obxectivo de financiar a contratación de socorristas durante o verán e contribuír así a garantir a seguridade nas praias, piscinas e outras instalacións acuáticas. A través desta convocatoria, o Goberno galego destina 1,5 millóns de euros a 187 concellos.
Na súa intervención, Santiago Villanueva lembrou que os concellos son responsables da prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nas praias e piscinas de titularidade local, así como a contratación do persoal socorrista. Neste contexto, destacou o apoio que lles presta a Xunta mediante axudas económicas, coordinación operativa, cesión de medios materiais e formación especializada para reforzar a seguridade nos espazos de baño durante a tempada estival.
O director xeral de Emerxencias salientou que a convocatoria de achegas de 2026 foi resolta aproximadamente un mes antes que a do ano pasado coa idea de facilitarlle aos concellos a contratación do persoal para que os servizos estean operativos nos períodos de maior afluencia de público ás instalacións acuáticas.
Recordou así mesmo que a Xunta leva investidos desde 2015 máis de 27 millóns de euros na cesión de equipamento aos servizos municipais de protección civil e emerxencias e que entre os recursos aportados figuran 67 embarcacións e motos de auga, por un importe de más de 1,1 milóns de euros, así como 21 equipamentos completos de salvamento en praia, por valor de máis de preto de 102.000 euros.
No ámbito da formación, Santiago Villanueva destacou o incremento da oferta da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), que este ano dispón de 455 prazas para cursos específicos de salvamento e socorrismo, fronte ás 350 do ano anterior. Ademais, explicou que as novas vías de acceso ao Rexistro Profesional de Socorrismo permitiron a inscrición de máis de 600 persoas e que Galicia conta na actualidade con 4.621 inscricións activas, unha cifra que garante unha ampla dispoñibilidade de profesionais cualificados para atender as necesidades dos concellos.
Por último, o director xeral de Emerxencias fixo un chamamento aos concellos para sumarse ao Plan de Protección Civil de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga), unha ferramenta que cualificou de esencial para mellorar a coordinación e a capacidade de resposta ante calquera incidente na que participaron o ano pasado 45 concellos e que ten aberto un novo prazo de adhesión desde o pasado 1 de xuño.