A Xunta destina preto de 135.000 euros ás agrupacións de Protección Civil da provincia de Ourense

As axudas están destinadas a sufragar gastos de funcionamento e beneficiarán a 69 agrupacións de voluntarios
manuel-pardo-axudas-proteccion-civil-ourense
8 Jun 2026

A Xunta de Galicia investirá preto de 135.000 euros no apoio aos gastos de funcionamento de 69 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Ourense. A medida forma parte da convocatoria impulsada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións municipais.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este luns a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Sarreaus acompañado polo alcalde do municipio, Gumersindo Lamas. Durante a visita destacou a importancia desta liña de axudas para garantir o funcionamento diario destes colectivos, que desempeñan un papel fundamental na atención ás emerxencias.

Pardo lembrou que a convocatoria autonómica conta cun orzamento total de 370.000 euros para toda Galicia, mantendo a dotación económica do pasado ano. Segundo sinalou, a pesar de tratarse dunha competencia municipal, a Administración autonómica contribúe economicamente ao sostemento das agrupacións para facilitar a súa actividade.

As subvencións permiten afrontar gastos relacionados coa adquisición de uniformidade e material funxible de protección, o mantemento das bases operativas e dos medios de intervención, os seguros do persoal voluntario, os custos de formación, así como servizos de comunicación ou equipamento informático e tecnolóxico de carácter consumible.

O delegado territorial incidiu tamén no esforzo realizado pola Xunta para reforzar os medios dos servizos de emerxencias. Neste sentido, lembrou que a través das convocatorias de cesión de material se entregaron recentemente equipos de seguridade viaria, ferramentas eléctricas para intervencións de emerxencia e tendas de campaña destinadas ás agrupacións galegas.

Durante a súa intervención, Manuel Pardo destacou que “o investimento da Xunta nos últimos anos nas AVPC da comunidade acada máis de 20 millóns de euros”, dos que, segundo explicou, preto de 15,4 millóns se destinaron á mellora do equipamento e arredor de cinco millóns ao financiamento dos seus gastos de mantemento.

O representante autonómico engadiu que o investimento global do Executivo galego en material e novos recursos para as agrupacións de Protección Civil e outros servizos de emerxencias supera os 28 millóns de euros desde o ano 2015.

A formación do voluntariado constitúe outro dos eixos de actuación da Xunta. A través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os integrantes das agrupacións poden acceder á formación necesaria para obter o carné de voluntario e participar ao longo do ano en actividades de actualización de coñecementos orientadas a mellorar a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia. Neste ámbito, o investimento autonómico supera os tres millóns de euros nos últimos anos.

As axudas chegarán a un total de 69 agrupacións da provincia de Ourense, incluíndo colectivos municipais, agrupacións supramunicipais e mancomunidades, reforzando así a capacidade operativa dunha rede de voluntariado considerada esencial na prevención e atención de incidencias en todo o territorio.

0.42277503013611