A Xunta destinará máis de 150 millóns a axudas para acceso á vivenda e rehabilitación

Rueda explica que estas fináncianse con fondos propios da Xunta, fondos do Plan estatal de vivenda, cofinanciado polas arcas autonómicas ao 40%, e fondos europeos
FERROL vivendas berton
9 Nov 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace a “destinar máis de 150 millóns de euros a diferentes liñas de axuda” en materia de vivenda para o vindeiro ano. “Isto supón multiplicar por catro as achegas, no marco do Plan de Vivenda de Galicia 2026-2030”, indicou.

En concreto, serán 150,9 millóns de euros, dos cales 83,1 millóns estarán destinados a axudas para facilitar o acceso a un fogar e 67,7 a promover a rehabilitación, dirixidas tanto “a particulares, como comunidades de veciños, cooperativas ou concellos”. “Facendo especial fincapé na mocidade e nas zonas rurais”, segundo indicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

En total, serán 19 liñas de axudas as que se convoquen, nove delas destinadas a acceso á vivenda e dez a rehabilitación. De todas elas, nove liñas de axudas serán publicadas xa antes de que remate este ano, aínda que o prazo de presentación de solicitudes se iniciará a comezos de 2027. As outras dez liñas de axudas convocaranse a comezos de 2027.

O acceso á vivenda comprende apoios para a promoción de vivenda accesible (26,68 M€), entre os que se inclúen unha nova liña por 7 M€ dirixida aos concellos para que poidan promover vivenda protexida. Ademais, este eixo inclúe axudas para o pagamento do alugamento de vivendas (10 M€), Bono de alugueiro social (17,2 M€), axudas a entidades de iniciativa social para proxectos de acceso á vivenda (14,1 M€, dos cales o IGVS xestionará 8,3 millóns e o resto a Consellería de Política Social e Igualdade).

Tamén inclúe axudas para adquisición de vivenda (2 M€), para compra ou autopromoción de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes (2,8 M€), para adquisición de vivenda por organizacións sen ánimo de lucro para destinalas a alugamento accesible ou cesión de uso (152.000 €), axudas do Fondo de cooperación cos concellos para promoción de vivenda protexida de nova construción (5,1 M€) e avais para adquisición de vivenda (avais ata 5 M€).

Polo que respecta á rehabilitación, tal e como explicou a conselleira,”hai axudas para os particulares e para os concellos”.

No primeiro caso haberá axudas para rehabilitación de vivendas en concellos rurais de menos de 5.000 habitantes (5 M€) “de ata 30.000 € por vivenda”, rehabilitación integral de edificios de vivendas e nas propias vivendas (23 M€), programa Fogar Vivo de mobilización de vivendas para alugamento (2,89 M€), áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra (2 M€) e axudas a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública (1 M€).

Polo que respecta a axudas aos concellos ou tramitadas por estas administracións locais, están os programas de rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal (2,16 M€), infravivenda (0,37 M€), ás áreas de rehabilitación integral (ARI) e áreas Rexurbe (14,45 M€), o Fondo de cooperación cos concellos para a rehabilitación e conservación do patrimonio construído (11,9 M€) e o Fondo Rexurbe para proxectos de intervención integral nas áreas Rexurbe (5 M€).

0.48024106025696