A Xunta distingue á especialista en prontoterapia Yolanda Prezado co galardón María Josefa Wonenburger

O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar o premio María Josefa Wonenburger Planells 2026 á doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, Yolanda Prezado. Este galardón, que lle foi comunicado esta mañá pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pretende recoñecer o seu labor de investigación no eido da radioterapia e a decisión foi acadada por consenso e unanimidade.
Yolanda Prezado (Verín, 1977) é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus). Previamente, formou parte do Institut Curie, en París, como líder do grupo de radiobioloxía traslacional. Durante os anos 2019 e 2020 presidiu o Comité Científico da Federación Europea de Físicos Médicos e o Congreso Europeo de Física Médica. Desde o seu regreso a Galicia está xa configurando un polo de referencia en radioterapia avanzada no CiMUS, cunha proxección clínica e tecnolóxica de longo percorrido.
A Unidade da Muller e da Ciencia destacou o papel de Yolanda Prezado nas investigacións sobre radioterapia e, especificamente os seus traballos sobre protonterapia, un campo no que está considerada unha referente europea. En xeral, o seu labor céntrase en impulsar tratamentos radiobiolóxicos fronte ó cancro, con terapias menos invasivas. De feito, os seus avances foron merecedores do premio da Academia Francesa das Ciencias no ano 2021.
En 2024, despois de máis dunha década en Francia, a Dra. Prezado retornou a Galicia para incorporarse ao CiMUS-USC como investigadora distinguida do programa Oportunius da GAIN, o que supón a validación operativa do principal instrumento que a Xunta deseñou para captar talento investigador de excelencia internacional. O obxectivo do seu retorno é impulsar a investigación en protonterapia, unha tecnoloxía da que Galicia será referente a nivel estatal coa apertura en 2026 do primeiro centro da rede pública estatal.
O Pleno da Unidade Muller e Ciencia destacou que este ano foi un dos máis complicados á hora de escoller unha proposta, ao haber candidaturas moi diversas, con moito talento e que supuxeron unha difícil elección. Hai que sinalar que este premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007 e leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.