A Xunta e o Concello de Santiago abordan a celebración do Xacobeo 2027 nunha primeira xuntanza

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, mantiveron un encontro institucional esta mañá coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, para abordar a celebración do Xacobeo 2027. Na xuntanza tamén participaron a concelleira de Turismo do goberno local, Miriam Louzao, e a directora xerente de Incolsa, Flavia Ramil.
Durante a reunión, Xosé Merelles e Marcos Gómez Román trasladáronlle á alcaldesa a vontade da Xunta de Galicia de diálogo e colaboración co goberno da cidade meta do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2027. “Queremos que todos os concellos e todo o territorio de Galicia se implique no seu desenvolvemento e principalmente Santiago de Compostela”, afirmou o comisario do Xacobeo 2027.
Tanto os responsables autonómicos coma os locais destacaron a oportunidade de que este encontro se celebrase xusto agora, na antesala do Xacobeo 2027, cando se ultima a programación da cita e, ao mesmo tempo, avogaron polo intercambio de información e colaboración para garantir o éxito desta cita en toda Galicia e, en particular, en Santiago de Compostela.
A reunión tivo lugar no Concello de Santiago e tras o saúdo da rexedora, Xosé Merelles, Marcos Gómez Román, Miriam Louzao e Flavia Ramil, aproveitaron para analizar distintas cuestións relativas ao Xacobeo 2027. Todos coincidiron na necesidade dunha comunicación fluída entre ambas partes para coodinar a programación e a organización dos eventos conmemorativos ao longo deste ano e o seguinte.
O comisario do Xacobeo 2027 salientou que a Xunta está traballando na programación da cita e subliñou que xa se están desenvolvendo distintos actos e iniciativas no marco do Plan director de Patrocinios do Xacobeo 2027 e tamén do programa ‘O Teu Xacobeo’.