A Xunta e o Consello da Cultura Galega preparan actividades relacionadas coa emigración

Cun financiamento por parte do Gobierno autonómico de 50.000 euros, organizarán en 2026 exposicións ou publicacións, alén de avanzar na conservación de material documental
xunta-emigracion-consello-cultura
25 May 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, vén de manter un encontro coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, onde ambos puxeron en valor a colaboración interinstitucional á hora de promover actividades relacionadas coa promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural da emigración galega. Cun financiamento por parte da Xunta de 50.000 euros, o Consello da Cultura Galega organizará neste 2026 exposicións ou publicacións sobre a materia, ademais de garantir o seu traballo de conservación de material documental.

En concreto, o obxecto do acordo de colaboración que se vén de renovar é a realización de actividades de promoción da emigración galega, nomeadamente a difusión de exposicións e a publicación de libros de temática emigratoria, así como un proxecto de memoria gráfica da arquitectura indiana en Galicia. Tamén a localización, inventariado e dixitalización de documentación e publicacións de sociedades de emigrantes galegos, así como doutros fondos documentais relacionados coa emigración galega.

Desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ademais da achega económica, apoiarase na organización das accións previstas no acordo, facilitando contactos de entidades galegas para poder arquivar o seu material documental ou tomando parte nas decisións sobre os libros que se van publicar ou sobre as exposicións que se van realizar.

O encontro —no que tamén estiveron o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández— serviu para que ambas partes celebrasen o éxito das iniciativas que veñen emprendendo conxuntamente no ámbito cultural, acadando un impacto significativo na promoción e preservación da memoria da emigración, tanto a nivel nacional como internacional. Os representantes autonómicos reafirmaron o seu compromiso con esta colaboración, co gallo de seguir fortalecendo os lazos entre as institucións e promover aínda máis o coñecemento sobre o legado da emigración galega.

0.3454749584198