A Xunta e Sanxenxo asinan a cesión dunha parcela en Noalla para construír 25 vivendas públicas

Rueda avanza que a Xunta licitará de inmediato o proxecto e as obras das 25 vivendas, dentro do obxectivo de acadar 10.000 vivendas públicas en 2030.
Rueda
18 Feb 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou co alcalde do Sanxenxo, Telmo Martín, o Convenio de Cesión dunha parcela municipal en Noalla para a construción de 25 vivendas públicas, cun investimento autonómico de 7 millóns de euros.

Acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, Rueda destacou os avances do Executivo galego no camiño de acadar 10.000 vivendas públicas en Galicia no ano 2030.

O presidente avanzou que a Xunta licitará de inmediato, nun único contrato, a redacción do proxecto, a dirección de obra e a execución das novas vivendas. A licitación publicarase na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e as empresas poderán presentar ofertas ata o 20 de abril.

Rueda subliñou que se tratará de vivenda pública “de calidade” e que, como novidade, o prego de condicións inclúe o uso obrigatorio de técnicas industrializadas, primando o emprego da madeira. Esta fórmula, explicou, permitirá axilizar prazos e afrontar a falta de man de obra no sector. O uso de técnicas industrializadas suporá o 25 % da puntuación do contrato, ao que se suma un 5 % adicional se se emprega madeira galega.

O titular da Xunta encadrou esta actuación no obxectivo da lexislatura de construír 4.000 vivendas en catro anos e 6.000 en seis, e agradeceu ao Concello a cesión gratuíta da parcela, salientando a importancia da cooperación entre administracións para garantir o acceso á vivenda.

⚙ Configurar cookies
0.26554703712463