A Xunta emprega a proba do carbono 14 para resolver a data de 27 bens patrimoniais

Os traballos permiten revelar que no Castro da Casilla, en Lugo, localízase a casa comunal alongada máis antiga do noroeste peninsular
traballo-arqueoloxia
2 Jul 2026

A Xunta acaba de conseguir precisar a data de 27 bens patrimoniais de Galicia, que abranguerían desde o Neolítico ata a Idade Media, grazas ao uso da proba de carbono 14 sobre restos botánicos. Así o deu a coñecer hoxe o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, quen explicou os “importantes achados deste proxecto pioneiro” encargado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao Instituto de Ciencias do Patrimonio, do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Na presentación, Miramontes explicou que a investigación está baseada na selección minuciosa de mostras arqueobotánicas de vida curta como son, entre outras, as sementes de cereal. Deste xeito, segundo concretou, “asegúrase un altísimo marxe de precisión temporal”. Así, apuntou que a aplicación sistemática do carbono 14 sobre estes restos botánicos “permite afinar a cronoloxía con gran detalle e, consecuentemente, revelacións con exactitude”.

Deste xeito, o responsable de Patrimonio da Xunta salientou algún dos achados máis relevantes da investigación, entre os que enxalzou o descubrimento de que no Castro de Casilla, en Lugo, se atopa a casa comunal alongada, coñecida como longhouse, “máis antiga do noroeste peninsular”.

Ao respecto, Miramontes aclarou que a datación foi posible coa aplicación de radiocarbono que proporcionou un claro intervalo enmarcado no bronce inicial, adiantando significativamente outros rexistros coñecidos, entre os que citou o de Setepías, no municipio pontevedrés de Cambados.

De igual forma, destacou que o estudo tamén resolveu enigmas do mundo funerario como a cronoloxía da cista prehistórica de Punta Riasón, na Illa de Arousa, en Pontevedra, ”na que se datou no bronce inicial dúas espiras de prata que formaban parte dun enxoval funerario”.

Ademais, o director xeral de Patrimonio tamén puxo en valor outro achado no eido do mundo castrexo, xa que “se conseguiu datar por primeira vez unha parrilla cerámica, ata agora considerada como un elemento de tradición romana en datas claramente anteriores a eles”. Ademais, considerou “significativo” a descuberta no Castro de Sarridal, no municipio coruñés de Cedeira, “de que os niveis de uso da súa sauna castrexa prolónganse ata o cambio de era”.

Para o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o éxito deste programa confirma “o acerto” da colaboración institucional, así como a “necesidade de implementar protocolos de recollida sistemática e exhaustiva das mostras con este correcto procesado”. Por estes motivos, amosou a intención da Xunta de continuar aplicar programas similares tanto as escavacións que se están realizando na actualidade no territorio galego, como ao resto de mostras antigas que existe por toda a Comunidade.

0.3166229724884