A Xunta estenderá o Carné +65 á colectividade galega no exterior

Fabiola García anunciou en Montevideo que as persoas maiores galegas no exterior poderán beneficiarse deste programa nas súas viaxes a Galicia.
20260429FotoConselleirasFabiolaGarciaMontevideo1
3 May 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou en Montevideo que a Xunta estenderá o Carné +65 á colectividade galega residente no exterior para que poidan desfrutar das súas vantaxes cando viaxen a Galicia.

O anuncio produciuse nun encontro coa comunidade galega en Uruguay, no marco da súa viaxe institucional por América Latina, onde estivo acompañada pola delegada da Xunta no país, Elvira Domínguez.

Apoio á colectividade galega no exterior

No acto tamén participou, a través dun vídeo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen enviou unha mensaxe de agradecemento á colectividade galega, destacando o seu papel como “embaixadores de Galicia” e lembrando que “Galicia é a súa casa”.

Programas para o benestar das persoas maiores

Durante o encontro, a conselleira puxo en valor as políticas impulsadas pola Xunta para garantir o benestar das persoas maiores, destacando medidas como o Bono Coidado no Fogar, que xa beneficia a 38.000 persoas e que prevé chegar ás 50.000 ao final da lexislatura.

Tamén salientou a rede de Casas do Maior, con 160 recursos activos, así como programas de envellecemento activo como Benestar en Balnearios, as Aulas Sénior ou Xuntos polo Nadal.

No caso do Carné +65, explicou que máis de 900 establecementos en Galicia están adheridos a este programa, ofrecendo descontos e vantaxes en servizos relacionados coa saúde, o benestar, o ocio e a restauración.

Medidas de apoio ás familias

Fabiola García destacou tamén as iniciativas destinadas ás familias, como a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, á que a Xunta destina 68 millóns de euros anuais, ou programas como o Bono Concilia Familia, que beneficiou a 15.000 fogares o pasado ano.

Promoción de Galicia en Uruguay

Durante a súa estancia en Montevideo, a conselleira visitou a exposición ‘Galicia Bella’, instalada na sede da Intendencia da cidade. A mostra, composta por 46 fotografías, amosa a riqueza cultural, natural e patrimonial de Galicia, incluíndo paisaxes, festas e o Camiño de Santiago.

0.45327210426331