A Xunta habilita en Sergas Móbil unha nova función para consultar o custo da asistencia sanitaria

A Xunta habilitou unha nova funcionalidade na aplicación Sergas Móbil que permitirá aos usuarios do Servizo Galego de Saúde consultar información económica relacionada coa asistencia sanitaria que reciben. A medida, aprobada esta mañá polo Consello da Xunta, forma parte da estratexia de transparencia do Goberno galego e ten carácter exclusivamente informativo.
Para acceder a esta información, os usuarios deberán entrar no seu perfil persoal de Sergas Móbil, acceder ao Portal do paciente e-saúde e premer na opción “Valoración económica da miña atención sanitaria”. A información aparecerá estruturada en catro grandes bloques segundo o tipo de asistencia recibida.
O primeiro deles permitirá consultar o valor dos servizos prestados en atención primaria, como consultas médicas e de enfermaría, extraccións de sangue ou outros servizos asistenciais realizados no centro de saúde. Tamén se poderá coñecer o importe dos actos sanitarios rexistrados en atención especializada, entre eles consultas, probas diagnósticas, tratamentos e outros procedementos ambulatorios.
A aplicación incorporará ademais información sobre o valor da asistencia recibida nos servizos de urxencias hospitalarias e nos puntos de atención continuada (PAC). O cuarto apartado estará dedicado aos medicamentos e produtos dispensados nas oficinas de farmacia galegas, indicando o seu prezo de venda ao público, a achega realizada polo paciente e o custo asumido polo Servizo Galego de Saúde.
Os importes correspondentes aos servizos sanitarios estarán baseados nos prezos públicos de referencia establecidos no Decreto 56/2014, do 30 de abril. No caso dos medicamentos, o custo estará vinculado ao momento da dispensación e ao seu prezo oficial de venda ao público, tendo en conta a achega que corresponda a cada usuario segundo a súa situación administrativa.
A Xunta prevé ampliar progresivamente esta información durante o próximo trimestre para incorporar outros ámbitos asistenciais, como os custos das hospitalizacións, a hospitalización a domicilio (HADO), a farmacia hospitalaria, as próteses, as terapias respiratorias ou o transporte sanitario non urxente.
Na actualidade, máis de 2,3 millóns de galegos empregan xa Sergas Móbil, aínda que para acceder á nova funcionalidade será necesario dispoñer da modalidade de acceso de seguridade alta, mediante certificado dixital ou Chave 365.
Con esta medida, o Goberno galego asegura que busca reforzar a proximidade, a transparencia e a modernización do sistema público de saúde de Galicia, ampliando a información á disposición da cidadanía e facilitando o acceso aos servizos sanitarios.