A Xunta impulsa 12 concertos de música galega no circuíto estatal AIEnRUTa

O circuíto estatal AIEnRUTa-Artistas inicia unha nova programación coa participación de tres proxectos galegos que ofrecerán un total de 12 concertos por salas de todo o Estado ata o mes de xuño. Trátase de Mad Martin Trio, Eladio y Los Seres Queridos e De Ninghures.
Estas xiras contan co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no marco da súa colaboración coa Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes (AIE), que garante a presenza de tres artistas ou bandas galegas en cada semestre de programación do circuíto.
Os concertos de Mad Martin Trio en Tafalla e Logroño abren estas xiras estatais, que se estenderán por cidades como Huesca, Alicante, Bilbao, Oviedo, Palencia, Valladolid, Madrid, Donostia e Barcelona. Pola súa banda, Eladio y Los Seres Queridos e De Ninghures levarán a súa música a distintas salas do Estado ata finais da primavera.
Mad Martin Trio destaca pola súa sólida traxectoria no rock and roll clásico, cun directo recoñecido pola súa intensidade. Eladio y Los Seres Queridos cumpre 20 anos como unha das bandas máis consolidadas do pop galego, cun repertorio construído ao longo de seis discos. De Ninghures representa unha das propostas máis singulares da escena actual, combinando música tradicional con influencias doutras culturas no seu novo espectáculo, Feira.
No semestre anterior, a presenza galega en AIEnRUTa-Artistas estivo protagonizada por The Rapants, Boyanka Kostova e Kyr4, con actuacións en numerosas cidades do Estado.
Con máis de dúas décadas de historia, AIEnRUTa-Artistas é un programa estatal pioneiro que promove o intercambio cultural entre territorios e sostén un circuíto estable de salas, con milleiros de concertos organizados desde a súa posta en marcha.