A Xunta impulsa unha nova edición de ‘Territorio Cultura’ con 250.000 euros para proxectos culturais no rural galego

O programa busca apoiar iniciativas multidisciplinares que amplíen e diversifiquen a actividade cultural en zonas non urbanas de Galicia
presentacion-territorio-cutural
13 Jun 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou unha nova convocatoria do programa Territorio Cultura, que contará este ano cun orzamento de 250.000 euros destinado a financiar proxectos culturais no medio rural galego.

O anuncio realizouse nun encontro celebrado na Cidade da Cultura con representantes de varias iniciativas beneficiarias da edición anterior, unha reunión na que se avaliou o desenvolvemento dos proxectos en marcha e se puxeron en común experiencias arredor da súa execución.

Segundo explicou o conselleiro, a nova convocatoria manterá unha liña continuista coas edicións previas e estará orientada a fomentar a descentralización cultural, a vertebración territorial e o acceso á creación artística en ámbitos non urbanos, en consonancia coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

O programa diríxese a empresas, fundacións e asociacións culturais, co obxectivo de impulsar propostas relacionadas coa creación, mediación, investigación, exhibición, dinamización ou intercambio cultural. Tamén pretende contribuír á profesionalización do sector e á xeración de oportunidades laborais vinculadas á actividade cultural no rural.

Na xuntanza participaron tamén o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto con representantes de diversas entidades culturais que desenvolven proxectos en diferentes puntos do territorio galego.

Entre as iniciativas presentes figuran propostas vinculadas á danza, o audiovisual, o patrimonio inmaterial, a memoria cultural, a cultura comunitaria ou a dinamización territorial en comarcas como a Ribeira Sacra, O Courel, a Costa da Morte ou Sarria.

Entre os proxectos participantes na xuntanza figuram ‘Tecedora SÓLODOS’, de ‘Neodans’, proposta de dinamización cultural e participación comunitaria que combina danza, música, circo, gastronomía e artesanía no interior de Ourense e Lugo. Tamén asistiu aAntena, responsable de ‘Carriza’, programa multidisciplinar arredor do patrimonio oral, os saberes tradicionais, o medio ambiente, a tecnoloxía e o patrimonio material na Costa da Morte.

‘Ouvirmos’ desenvolve ‘Sarria<30’, centrado na formación, a capacitación e o emprendemento cultural na comarca de Sarria, mentres que a Asociación Cultural Morreu o Demo impulsa ‘Da barraca á aula. A memoria das festas’, coa recuperación e divulgación do patrimonio dos títeres tradicionais a partir da figura de Barriga Verde. Pola súa banda, Casa de Tolos leva a cabo ‘A radio (o radiovisual) do patrimonio. A memoria compartida’, unha iniciativa inspirada no modelo de Ponte... nas Ondas! para iniciar procesos participativos arredor do patrimonio cultural inmaterial. Tamén houbo representación de ‘O Castro Art Village’, promotora de ‘Kinoterra Initiative’, laboratorio de creación audiovisual sobre a despoboación, o papel da muller e o cambio climático no rural galego; da Asociación Cultural Sacra Experience, que desenvolve ‘Habitar-nos na Ribeira Sacra’ para reforzar o tecido social e a creación de redes entre aldeas en risco de despoboamento; da Fundación Uxío Novoneyra, responsable de ‘Territorio Novoneyra III: 25 aniversario’, e da Asociación A Memoria é Náufraga, organizadora de ‘Vendaval’, mostra itinerante de cinema portugués da Ribeira Sacra. Na edición anterior, o programa distribuíu 300.000 euros entre 12 proxectos que se desenvolveron en máis de medio centenar de concellos non urbanos, algúns deles con accións de colaboración con outras comunidades autónomas co obxectivo de fortalecer redes culturais e promover a innovación no eido artístico.

0.35332179069519