A Xunta incorporará a mocidade ao Observatorio de Vivenda de Galicia

A mocidade galega terá representación no Observatorio de Vivenda de Galicia. A Xunta incorporará a Dirección Xeral de Xuventude a este órgano, concretamente a través da sección de Intermediación e Acceso á Vivenda, para que este colectivo poida participar nas decisións relacionadas coas políticas residenciais.
A medida foi anunciada este martes pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o encontro 'Construíndo Galicia, construímos futuro', celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
A xornada reuniu arredor dun cento de asistentes e serviu tamén para dar a coñecer os proxectos gañadores do concurso de ideas convocado pola Xunta para construír vivenda pública e residencias xuvenís nos ámbitos do Elviña, na Coruña, e de Salgueiriños, en Santiago. Os representantes autonómicos destacaron a necesidade de facilitar o acceso da mocidade a unha vivenda e de contar coa súa participación nas decisións que afectan a este ámbito.
410 vivendas públicas e 300 prazas en residencias xuvenís
No ámbito do Elviña, na Coruña, o proxecto presentado contempla a construción de 166 vivendas públicas, 150 aloxamentos compartidos e unha residencia xuvenil con capacidade para outras 150 persoas. A proposta, denominada '6 Carreiros', distribúe estes usos en tres grandes mazás.
En Salgueiriños, en Santiago de Compostela, está prevista a construción doutras 244 vivendas públicas e unha residencia xuvenil de 150 prazas. O deseño, titulado 'Os camiños da nova vida', organiza os edificios arredor dun gran espazo público interior pensado como lugar de encontro para a veciñanza.
A proposta tamén presta especial atención aos materiais e ao uso da cor, cunha imaxe diferenciada para o edificio destinado a residencia estudantil.
Con ambos os proxectos, a Xunta formula un total de 410 vivendas públicas e 300 prazas en residencias xuvenís, ademais dos 150 aloxamentos compartidos previstos no Elviña.