A Xunta incrementa 100 prazas nos Celga en liña dentro del Plan de normalización da lingua

A Xunta de Galicia acaba de incrementar 100 prazas nos Celga en liña no marco do novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Así o explicou hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que xunto co director da Axencia para a modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, seguiu hoxe o desenvolvemento desta proba que celebra a súa segunda edición e na que participan 200 persoas.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o traballo da Xunta “para mellorar as oportunidades ao redor dos Celga, implementando os cursos en diversas modalidades, tanto semipresencial como en liña”. Engadiu, ademais, que este traballo encádrase no traballo feito pola Administración autonómica para desenvolver as primeiras 50 medidas nos 100 días posteriores á aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega no Parlamento co apoio da maioría dos grupos con representación na Cámara.
Por outra banda, Valentín García apuntou que co cumprimento desta medida “facilítase compatibilizar a aprendizaxe do galego coa vida familiar e laboral e tamén o acceso ás probas desde calquera lugar”. “Así se recolle no Plan”, puntualizou antes de engadir que no documento precísase que este proceso vaia acompañado de recursos interactivos, foros e titorización flexible “para mellorar o coñecemento do idioma de maneira autónoma”.
Cómpre resaltar que Galicia é pioneira con esta proposta, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática, co obxecto de que calquera persoa poida avaliar as súas competencias en lingua galega. De feito, nesta convocatoria concorreron solicitantes de varios puntos de España, así como do Brasil, de Chile, de Venezuela, do Perú, da China, de Alemaña, de Italia, de Romanía e de Portugal.