A Xunta inicia este luns a campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial para protexer ás crianzas lactantes

A campaña arrinca este 22 de setembro nos hospitais galegos para bebés recentemente nacidos e continuará con crianzas prematuras e de risco, así como menores de seis meses nados tras a anterior campaña.
VRS
22 Sep 2025

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, inicia este luns 22 de setembro unha nova campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), causante da bronquiolite, co obxectivo de reducir as hospitalizacións en crianzas lactantes.

Esta medida, implantada de xeito pioneiro en Galicia no 2023, xa permitiu diminuír máis dun 90 % as hospitalizacións nos nenos e nenas inmunizados.

A administración da dose comezará nos hospitais galegos para todos os bebés que nazan ata o final da campaña, previsto en marzo de 2026. Ao mesmo tempo iniciarase a citación de bebés prematuros de menos de 12 meses e de crianzas con alto risco de enfermidade grave por este virus que teñan menos de 24 meses.

Unha semana despois, a partir do 29 de setembro, a Consellería de Sanidade convocará tamén de forma activa aos menores de seis meses nados tras o peche da anterior campaña, é dicir, entre o 1 de abril e o 21 de setembro de 2025.

Na pasada tempada foron inmunizados 12.719 nenos e nenas, o que supuxo o 100 % dos bebés con factores de risco, o 91,74 % dos recaptados no 2024 e o 98,27 % dos nados durante a campaña.

⚙ Configurar cookies
0.38619208335876