A Xunta iniciará a incorporación de auxiliares de conversa aos 320 centros públicos plurilingües

A Xunta de Galicia iniciou o proceso para incorporar auxiliares de conversa aos centros educativos públicos plurilingües a partir do vindeiro trimestre do curso 2026/27. O Consello da Xunta deu luz verde ao novo modelo impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que contará cun investimento próximo aos 1,8 millóns de euros e permitirá dotar de persoal especializado en lingua inglesa un total de 320 centros.
A iniciativa xorde como unha alternativa propia da Administración galega ante a inseguridade xurídica xerada a nivel estatal. O programa materializarase mediante a contratación dun servizo de dinamización lingüística que proporcionará aos centros os auxiliares necesarios para contribuír a mellorar a competencia en inglés do alumnado.
Coa incorporación destes 320 centros, serán xa 363 os colexios e institutos galegos que recibirán apoio da Xunta para reforzar a aprendizaxe desta lingua. Aos novos beneficiarios súmanse outros 43 centros que xa dispoñen de auxiliares de conversa estadounidenses cun perfil académico especializado, grazas á colaboración coa Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e Estados Unidos, coñecida como Comisión Fulbright.
O contrato sairá a licitación nos próximos días e dividirase en dous lotes. O primeiro abranguerá 151 centros públicos das provincias da Coruña e Lugo, mentres que o segundo dará cobertura a 169 centros de Ourense e Pontevedra.
A empresa que resulte adxudicataria deberá achegar profesionais cun alto nivel de especialización, capaces de combinar unha competencia comunicativa acreditada en inglés cunha experiencia internacional e intercultural que permita ao alumnado practicar a lingua en situacións reais.
As persoas seleccionadas deberán contar cunha titulación universitaria ou equivalente e acreditar formación específica relacionada co ensino, a aprendizaxe ou a dinamización de linguas, así como en metodoloxías educativas ou innovación pedagóxica vinculadas ao servizo.
Ademais, deberán demostrar un nivel C1 de inglés conforme ao Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER). Este requisito non será necesario para as persoas que teñan a nacionalidade de Australia, Canadá, Estados Unidos, Irlanda, Malta, Nova Zelandia ou Reino Unido.
Os auxiliares de conversa prestarán apoio ao profesorado dentro da aula, co obxectivo de reforzar a práctica oral e mellorar as destrezas comunicativas do alumnado en lingua inglesa.