A Xunta insta a ADIF a realizar unha xestión da biomasa nas súas redes para previr os incendios forestais

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de instar a ADIF a realizar todas as actuacións preventivas de xestión da biomasa nas redes primarias da súa competencia de xeito inmediato, co obxectivo de previr os incendios forestais nestas zonas e evitar lumes como os rexistrados a semana pasada na provincia de Ourense, causados polo paso dun tren de mercadorías. Avanzouno hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita á explotación SAT Panda, no concello de Moeche.
Tal e como explicou Gómez, esta reclamación foi trasladada a ADIF no día de onte por medio dunha carta, na que se lle amosaba a “preocupación” ante estes sucesos, ademais de solicitarlle información detallada sobre o Plan anual de prevención e tratamento da biomasa desenvolvido neste 2026 por esta empresa pública, cuxas actuacións teñen que ter rematado a día 31 de maio.
Seguindo esta liña, a conselleira asegurou que “é imprescindible” que a empresa pública garanta que Galicia estea a encarar o período de alto risco de incendio cunhas infraestruturas ferroviarias preparadas, saneadas e mantidas de xeito adecuado. Ademais, reafirmou que a prevención dos incendios forestais é “unha prioridade” para o Goberno autonómico, e volveu incidir na importancia de manter as faixas primarias en bo estado para evitar este tipo de incendios, que xeran malestar entre a cidadanía polas alteracións do tráfico ferroviario e aumentan o risco ao que se expón o persoal do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) dadas as dificultades nas tarefas de extinción, remate e liquidación dos incendios forestais polas catenarias e dificultades de accesos.
A conselleira de Medio Rural reafirmou a disposición do seu departamento e da Xunta de Galicia para continuar traballando con lealdade e colaboración plena.