A Xunta inviste 870.000 euros en axudas para crear en 2026 novos espectáculos galegos de teatro, danza, circo e maxia

A convocatoria, publicada no DOG o 23 de decembro, mantén a dotación económica tras o incremento do 8,7% aplicado en 2025 e reforza o apoio aos proxectos plurianuais de compañías consolidadas.
Inversion Teatro
27 Dec 2025

A Xunta de Galicia investirá en 2026 un total de 870.000 euros na produción de novos espectáculos de teatro, danza, circo e maxia por parte de compañías profesionais galegas, segundo recolle a convocatoria de creación escénica publicada o pasado 23 de decembro no Diario Oficial de Galicia.

Esta liña de apoio mantén a mesma dotación económica consignada en 2025, exercicio no que se incrementou un 8,7% respecto de 2024, co obxectivo de reforzar especialmente os proxectos plurianuais das compañías cunha traxectoria consolidada, un criterio que tamén se mantén nas novas bases.

Así, a cuarta modalidade das axudas volverá contar con 300.000 euros para subvencionar proxectos plurianuais desenvolvidos entre 2026 e 2028 por compañías con polo menos dez anos de antigüidade e solvencia acreditada. Poderán apoiarse ata tres proxectos, cun máximo de 100.000 euros por iniciativa e cun límite do 80% do orzamento subvencionable.

Máis apoio á escena galega

A creación escénica constitúe a principal liña de subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que en 2026 tamén contará con convocatorias específicas para a programación de salas privadas, a organización de festivais, a distribución de espectáculos e a contratación de compañías galegas a través do programa Cultura no Camiño.

En 2025, estas axudas permitiron levar aos escenarios 30 novos montaxes —19 de teatro, sete de danza e catro de circo—, tanto de compañías consolidadas como de artistas emerxentes e colectivos de recente creación.

Impulso á danza e ás novas compañías

A convocatoria de 2026 destina 400.000 euros á produción de teatro, circo e maxia, con axudas de ata o 75% do orzamento e un máximo de 60.000 euros por espectáculo. Para a danza e as artes do movemento resérvanse 100.000 euros, cun límite de 37.500 euros por proxecto, mentres que 70.000 euros se destinan a empresas de nova creación, con apoios de ata o 90% do orzamento e un máximo de 20.000 euros por iniciativa.

As compañías e artistas interesados poderán presentar as súas solicitudes, en réxime de concorrencia competitiva, ata o vindeiro 22 de xaneiro.

⚙ Configurar cookies
0.25557494163513