A Xunta invita a coñecer o funcionamento do Gobierno na Semana da Administración Aberta

A Xunta invita a todas as galegas e os galegos a coñecer o funcionamento do Goberno e a Administración pública galega e a participar dos seus principios e valores a través da Semana da Administración Aberta.
Desde mañá luns e ata o venres 22 de maio, a Consellería de Facenda e Administración Pública organiza diferentes actividades e xornadas de participación social nas que se implican o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.
A Semana da Administración Aberta constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.
O programa conta con visitas, charlas, xornadas e webinarios guiados por conselleiros e outros altos cargos da Administración autonómica e abertos á participación dos galegos e galegas interesados en coñecer con máis detalle os temas abordados. Así, por exemplo, o venres 22 de maio, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, coordinará a xornada de portas abertas na que estudantes da ESO poderán visitar a sede da administración autonómica e o lugar no que se celebran as reunións do Consello da Xunta de Galicia.
O alumnado poderá coñecer como se toman as decisións públicas e ao tempo, formular as súas dúbidas e as súas propostas de mellora da administración, de forma que o goberno e a administración galega se acheguen a este colectivo infantil, fomentando a conciencia de que o goberno aberto implica a participación de todos e todas.
Os horarios, contidos e localizacións pódense consultar no portal de transparencia.
Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.