A Xunta licita a nova senda peonil e ciclista en Marcón cun investimento de 1,4 millóns de euros

A actuación na PO-542 permitirá conectar os núcleos da Ermida, Pazos e Marcón e incluirá melloras na seguridade viaria
senda-de-Marcón-Pontevedra
22 Jun 2026

A Xunta de Galicia licitou as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-542, en Marcón, no concello de Pontevedra. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra Pablo Fernández e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas María Deza, avanzou esta actuación, que contará cun investimento de 1,4 millóns de euros financiados con fondos europeos FEDER.

Este novo itinerario peonil e para ciclistas non deportivos, de case un quilómetro de lonxitude, permitirá conectar os núcleos da Ermida, Pazos e Marcón. Allegue destacou que a actuación mellorará o acceso a diferentes equipamentos situados na contorna, como o colexio, a igrexa ou o polideportivo desta parroquia pontevedresa.

A conselleira enmarcou esta intervención dentro do compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e segura e explicou que, ademais da senda, a actuación na PO-542 incluirá tamén a habilitación dunha glorieta de 30 metros de diámetro exterior para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico neste punto.

O proxecto tamén contempla actuacións complementarias como a eliminación de carrís centrais de espera para xiros á esquerda, a mellora das interseccións existentes, a creación de espazos de aceleración e desaceleración nos accesos, así como a habilitación de dous novos refuxios para persoas usuarias do autobús.

As empresas interesadas terán de prazo ata o 20 de xullo para presentar as súas ofertas e Allegue indicou que se axilizará na medida do posible a tramitación para a adxudicación dos traballos, que terán posteriormente un prazo de execución de 18 meses.

A responsable autonómica lembrou tamén outras actuacións de sendas xa executadas no municipio, como as de Xeve ou Campañó, ademais da que se atopa actualmente en execución entre Mollavao e Os Praceres. Neste sentido, asegurou que se continuará avanzando neste tipo de actuacións vinculadas á mobilidade e á mellora das infraestruturas.

0.35238099098206