A Xunta oferta 11.932 prazas en campamentos e actividades de verán, a cifra máis alta da súa historia

O programa de verán para mozos e mozas de 9 a 30 anos incrementa a súa capacidade e abre inscricións este xoves.
Rueda
15 Apr 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu luz verde á maior oferta de prazas en campamentos e actividades de verán da historia de Galicia, cun total de 11.932 prazas dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos.

Esta cifra supón un incremento de 302 prazas respecto ao ano anterior e inclúe campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, actividades de lecer alternativo para maiores de 18 anos e o uso de instalacións xuvenís.

Segundo destacou Rueda, trátase dun programa clave para a conciliación familiar e un referente a nivel estatal. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, subliñou que esta iniciativa “sitúa Galicia como referente en conciliación, integración e inclusión”, cun investimento de 5,5 millóns de euros.

A maior parte das prazas corresponde aos campamentos de verán, con 8.050 prazas para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, distribuídas en 36 instalacións das catro provincias galegas. Ademais, súmanse 301 prazas en intercambios con outras comunidades autónomas e 105 específicas para persoas con discapacidade.

Os campamentos, cunha duración de entre oito e 12 días, desenvolveranse durante os meses de xullo, agosto e setembro, incorporando novidades como Experiencia Galicia Calidade do Verán en Boqueixón, Explora o rural en Vilariño de Conso ou novos programas en Mondariz Balneario.

Como novidade desta edición, o Goberno galego priorizará no sorteo das prazas ás persoas que non resultaron beneficiarias na convocatoria do pasado ano, co obxectivo de favorecer a rotación e garantir unha maior equidade no acceso.

No caso dos minicampamentos, destinados a nenos e nenas de 9 a 12 anos, ofertaranse 876 prazas en programas de cinco días de duración que se desenvolverán en espazos naturais de toda Galicia.

A programación complétase con actividades de lecer alternativo para persoas de 18 a 30 anos, con 160 prazas, e cos campos de voluntariado, que aumentan ata as 815 prazas, tanto en Galicia como noutras comunidades e no estranxeiro.

Ademais, a campaña inclúe 1.270 prazas para o uso de instalacións xuvenís por parte de asociacións e entidades, reforzando así a oferta de actividades durante o verán.

O prazo de inscrición abrirá este xoves, tras a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

0.37288784980774