A Xunta pide unidade no Congreso para lograr a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco

Durante un encontro en Madrid, o responsable de Cultura pediu “involucrar a todas as forzas políticas con representación na Cámara” para apoiar unha candidatura que presentou como un “proxecto de país”
reunion-congreso-candiidatura-rs-patrimonio-unesco
14 Apr 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou este martes no Congreso dos Deputados a candidatura da ‘Ribeira Sacra. Paisaxe da auga’ como “proxecto de país”, nun encontro coa Comisión de Industria e Turismo co obxectivo de “involucrar a todas as forzas políticas con representación na Cámara na recta final do proceso”.
Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, o responsable autonómico trasladou aos deputados as “boas sensacións” acumuladas desde o inicio da candidatura en 2017, de cara á súa avaliación definitiva, prevista para o vindeiro mes de xullo en Corea do Sur.

Durante a súa intervención, López Campos destacou o apoio institucional e territorial á proposta, subliñando a implicación dos 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense que forman parte da Ribeira Sacra, así como o “total apoio” do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, e o “traballo plenamente coordinado” co Ministerio de Cultura para “afrontar xuntos este ilusionante reto”.

O conselleiro cualificou de “máis que oportuna e necesaria” a súa comparecencia na Cámara baixa para “dar conta do traballo feito ata o momento dunha candidatura de país e avanzar os últimos pasos” antes da fase final da Convención Mundial de Patrimonio, que se celebrará en Busán.

Na súa exposición, puxo en valor os atributos “excepcionais e únicos” da Ribeira Sacra, destacando unha paisaxe “construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”. Neste sentido, incidiu no “carácter único” do territorio, “amosando a espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico”.

López Campos tamén salientou o “esforzo e traballo sen descanso” da Xunta para reforzar a candidatura, lembrando que se investiron preto de 8 millóns de euros na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais da zona. Ademais, indicou que se levaron a cabo máis de 90 actuacións en ámbitos arquitectónicos e arqueolóxicos en espazos como igrexas, mosteiros, museos ou xacementos.

“Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, afirmou.

O conselleiro sinalou que a candidatura entra agora “nunha etapa decisiva”, que a Xunta afronta coa “tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada” por institucións e sociedade.

De cara aos próximos meses, avanzou que tanto a Xunta como o Goberno central continuarán traballando “arreo e de xeito coordinado”, combinando acción diplomática cunha “intensa promoción” da Ribeira Sacra, coa vista posta na decisión final que se tomará en xullo en Busán. “Se confía en que a Ribeira Sacra se faga en Busán co merecido e honroso recoñecemento internacional”, concluíu.

0.2757580280304