A Xunta presenta a maior oferta da súa historia para a formación sanitaria especializada con 676 prazas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou a maior oferta de formación sanitaria especializada da historia de Galicia, con 676 prazas para o exercicio 2025-2026. Trátase dun incremento de 19 prazas respecto ao ano anterior, o que supón unha suba do 2,9 %, e dun 77 % respecto a hai unha década, cando se ofertaban 381 prazas.
Entre as especialidades reforzadas destacan 12 prazas adicionais para formación MIR (medicina) e 3 máis para EIR (enfermaría). No ámbito da atención primaria, a Xunta convoca o 100 % das prazas acreditadas: 207 para medicina familiar e comunitaria e 27 para pediatría.
Tamén se incrementa a oferta vinculada á saúde mental, con 19 prazas de psiquiatría, 2 de psiquiatría infantil, 16 de psicoloxía clínica e 21 de enfermaría especializada neste eido. En total, 58 prazas, fronte ás 56 da anterior convocatoria.
A formación está financiada integramente pola Xunta, cunha partida de 83,5 millóns de euros nos orzamentos de 2025. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou que esta medida busca dotar de estabilidade e reforzar o persoal do Sergas, “o maior activo do sistema sanitario público”.
Ademais, a Xunta reclama ao Ministerio de Sanidade máis avances, como mellorar o sistema de adxudicación de prazas para evitar vacantes, axilizar a creación da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, e acelerar o recoñecemento de especialidades como xenética médica ou de laboratorio, así como o prometido Rexistro de profesionais do SNS.