A Xunta presentará en xuño o Plan xeral de normalización da lingua galega

López Campos lembra que a proposta é o “resultado dun proceso participativo con máis de 400 contactos e 1.400 achegas”
Jose-López-Campos,-conselleiro-de-Cultura-da-Xunta
20 May 2026

A Xunta de Galicia presentará o vindeiro mes de xuño o documento que recolle a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, un dos piares fundamentais do Pacto pola Lingua impulsado polo Executivo autonómico. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, en resposta a unha interpelación no Parlamento durante a que incidiu en que tendo como base esta nova proposta, “ábrese un novo escenario para acadar medidas fundamentais para a nosa lingua”.

Así, o representante do Goberno galego lembrou que “desde o principio tivemos a man tendida á participación neste proceso polo ben do galego, no que involucramos sempre aos grupos parlamentarios que así o quixeron”. Neste senso, destacou que a renovación do plan é resultado do traballo de 11 comisións de expertos en diversas materias que durante os pasados meses realizaron máis 400 contactos e recolleron 1.400 propostas, incluídas as achegas da sociedade a través dunha caixa virtual.

Ademais, durante a intervención, López Campos fixo fincapé noutras medidas desenvolvidas a prol da lingua mentres se estivo traballando paralelamente na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega “para fomentar e prestixiar o idioma en moi diversos eidos e sectores profesionais”.

Fixo referencia así aos 100 cursos de cultura e lingua galegas que se puxeron en marcha para persoas provenientes de fóra de Galicia, nos que participaron máis de 1.500 persoas, e aos que se suman outras propostas formativas en ámbitos moi específicos como o da sanidade, a administración ou a xustiza.

Así mesmo, entre outras accións, López Campos tamén destacou que no 2025 desenvolvéronse, por primeira vez, as probas Celga en liña, para as que se recibiron máis de 600 solicitudes, avanzando deste xeito no obxectivo de chegar a máis persoas para validar e acreditar o dominio da lingua galega.

Tamén resaltou a colaboración da Xunta nas actividades de dinamización da lingua que se desenvolven en ámbitos escolares como son Falamos +, Fala que Fala ou 21 días co galego. Todas elas, tal e como apuntou, son propostas encamiñadas a achegar o idioma á xente moza, para a que tamén se preparan contidos no eido dixital, como é o caso do portal Xabarín.gal.

0.46931385993958