A Xunta reabre o carril da AG-57 en Gondomar tras investir 110.000€ na estabilización dun talude

A Xunta de Galicia rematou as obras de estabilización do talude nun tramo da autovía AG-57 ao seu paso por Gondomar, afectado por un desprendemento provocado polo temporal, cun investimento de case 110.000 euros.
Como consecuencia desta actuación, durante a fin de semana procedeuse á reapertura ao tráfico do carril en sentido Baiona, que permanecía pechado desde mediados de febreiro por motivos de seguridade.
O desprendemento produciuse nun talude situado na marxe da calzada debido ás intensas choivas. Aínda que non chegou a afectar directamente á vía, existía risco de caída de material inestable, polo que se optou polo corte preventivo dun tramo de 2,1 quilómetros entre os puntos quilométricos 17+600 e 15+500.
Desde o primeiro momento, a Xunta priorizou a execución dos traballos coa máxima axilidade posible, garantindo en todo momento a seguridade tanto das persoas usuarias da vía como dos equipos que participaron na actuación.
Co remate das obras, queda restablecida a normalidade neste tramo da autovía do Val Miñor.