A Xunta reforzará a atención primaria coa incorporación de podólogos aos centros de saúde

Proponse a implantación progresiva mediante unha dotación inicial dun profesional en cada distrito sanitario, con horizonte 2030
podologos-sergas
22 Jul 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo unha reunión con representantes do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia na cal lle transmitiu a próxima creación de prazas desta especialidade, por primeira vez, en atención primaria.

Tal e como se lle informou este luns ás organizacións sindicais na mesa sectorial de Sanidade e se abordou no Consello da Xunta, Gómez Caamaño trasladou a decisión de incorporar persoal de podoloxía nos centros de saúde no marco das conclusións do grupo de traballo de planificación asistencial de recursos humanos creado pola Consellería de Sanidade para impulsar unha reforma integral da atención primaria.

Na xuntanza, na que tamén participaron a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, e o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Sergas, Salvador Mariño-Ageitos, informouse da proposta de implantación progresiva mediante unha dotación inicial dun profesional de podoloxía en cada distrito sanitario, con horizonte 2030, que desenvolverá unha función transversal e de soporte para toda a rede asistencial de atención primaria.

Principalmente, estes profesionais abordarán os casos do pé diabético que sexan derivados polo persoal médico e de enfermería de atención primaria e comunitaria de cada paciente.

A iniciativa busca reducir os ingresos hospitalarios, diminuír o número de amputacións a pacientes con este problema e previr alteracións por motivos biomecánicos, a formación de úlceras ou outras patoloxías do pé.

Con este tipo de medidas, a Xunta busca dar resposta ás novas necesidades asistencias da cidadanía nun escenario de crecente complexidade clínica, envellecemento da poboación e aumento da cronicidade.

0.25166010856628