A Xunta renova a dirección da Fundación Cela coa historiadora da arte Chus Martínez

Actualmente forma parte do departamento de exposicións da Cidade da Cultura onde tamén é directora do Encontro de Artes Novas
cyhus-martinez-historia-del-arte
18 Jun 2026

A Xunta de Galicia renova a dirección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, tras o nomeamento hoxe na reunión do padroado de Chus Martínez, historiadora da arte, comisaria e xestora cultural, para o cargo.

Así, a entidade padronesa afronta unha nova etapa co obxectivo de continuar a ser un referente cultural na Comunidade baseándose na salvagarda e posta en valor dun dos máis importantes legados literarios do Premio Nobel. Trátase dunha herdanza que está composta por coleccións heteroxéneas e de gran relevancia que permiten coñecer ao escritor e o devir social e cultural da época, con manuscritos das súas 14 novelas publicadas, ademais dunha biblioteca de máis de 60.000 monografías, entre outros documentos históricos.

A nova directora asumirá o cargo en substitución de Covadonga Rodríguez, que ocupou a dirección desde o 2022 e á que o padroado agradeceu o seu bo facer, motivo polo que seguirá formando parte do equipo da Fundación Cela. Deste xeito, Chus Martínez continuará co proxecto iniciado para xestionar este espazo que, ademais da exposición permanente, está en constante actividade funcionando como un importante dinamizador cultural coa programación de mostras temporais e outras propostas que van desde o libro e a lectura á música.

Neste senso, Chus Martínez Domínguez, licenciada en Historia da Arte, ten por diante a posta en marcha de novos proxectos e enfoques desde a súa experiencia como especialista en artes visuais contemporáneas e a súa traxectoria como comisaria, crítica de arte e xestión cultural, cunha atención específica ás prácticas artísticas actuais e ao contexto galego. Cómpre destacar que desde 2021 é coordinadora no departamento de exposicións da Fundación Cidade da Cultura e actualmente tamén directora do Encontro de Artes Novas impulsado no Gaiás para apoiar e visibilizar artistas emerxentes.

Ademais, no ámbito do comisariado desenvolveu proxectos expositivos noutras destacadas institucións galegas con propostas centradas en narrativas críticas e investigacións curatoriais ao redor da práctica das artistas, como as individuais de Chelo Matesanz e Loreto Martínez Troncoso no Centro Galego de Arte Contemporánea ou o ciclo anual Problemáticas no MARCO.

A isto engádense os seus traballos na investigación documental como a coordinación da posta en marcha de espazodocumental.org no marco do Proxecto Edición, froito da colaboración entre o CGAC, a Fundación Luís Seoane e o MARCO, e como crítica de arte, colaborando en medios especializados de ámbito estatal como é o suplemento cultural Babelia de El País. Así mesmo, foi coordinadora do Espazo Arte na feira Culturgal de Pontevedra entre 2023 e 2025.

0.36176204681396