A Xunta renova varios altos cargos tras os cambios á fronte das consellerías

Ángeles Vázquez presidiu as tomas de posesión de tres novos responsables en Política Social e Igualdade, mentres que Medio Ambiente e Economía tamén incorporan novos nomeamentos
cambios-politica-social-con-angeles-vazquez
3 Nov 2026

Os cambios na composición do Goberno galego e á fronte de varias consellerías trouxeron consigo novos nomeamentos en distintos departamentos da Xunta. Este martes tomaron posesión os novos altos cargos das consellerías de Política Social e Igualdade, Medio Ambiente e Cambio Climático e Economía e Industria.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, asistiu ás tomas de posesión de Carmen Bouso como nova secretaria xeral técnica, Perfecto Rodríguez como director xeral de Persoas con Discapacidade e Paula Uría como directora xeral de Promoción da Igualdade. Vázquez deulles a benvida aos novos responsables e agradeceu o traballo desenvolvido ata o de agora por María Francisca Gómez, Begoña Abeijón e Eloína Ingerto, que ocupaban estes postos.

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, participou na toma de posesión de Gonzalo Mosqueira como secretario xeral técnico da Consellería e de Ignacio Maestro como director xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

Durante o acto, o conselleiro destacou a traxectoria profesional dos dous novos responsables e o traballo realizado nos departamentos nos que desenvolveron a súa actividade. Ademais, animounos a continuar nesa liña, con rigor, compromiso e proximidade á cidadanía.

En Economía e Industria, a conselleira María Jesús Lorenzana presidiu a toma de posesión de Isaac Rosón como novo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, en substitución de Nicolás Vázquez, actual conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Rosón ocupaba ata agora a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, cargo ao que accedera tras exercer como director da Área de Innovación Empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Licenciado en Enxeñaría Naval e Oceánica pola Universidade da Coruña, desenvolveu parte da súa carreira nos departamentos de Seguridade e Inspección Marítima das Capitanías Marítimas de Alacante e Barcelona. Tamén estivo vinculado á docencia universitaria como profesor asociado na Facultade de Náutica de Barcelona e traballou no ámbito privado en tarefas relacionadas co deseño naval.

0.3321590423584